Importe do IRPF que corresponde á Comunidade Autónoma de residencia do contribuínte no exercicio 2022
Desde o 1 de xaneiro de 2009, a cesión parcial do IRPF ten como límite máximo o 50 por 100 do rendemento producido no territorio de cada Comunidade Autónoma, de acordo co que se establece na Lei Orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de Financiamento das Comunidades Autónomas (LOFCA), modificada, por última vez, pola Lei Orgánica 3/2009, do 18 de decembro (BOE do 19 de decembro).
A determinación do importe do IRPF que corresponde á Comunidade Autónoma de residencia do contribuínte no exercicio 2022 permite dar cumprimento ao que se dispón no artigo 46 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das Comunidades Autónomas de réxime común e Cidades con Estatuto de Autonomía e modifícanse determinadas normas tributarias (BOE do 19 de decembro), relativo á necesidade de que os modelos de declaración do IRPF permitan facer visible o carácter cedido deste imposto.
Para tal fin, os contribuíntes, con excepción de que no exercicio 2022 tivesen a súa residencia habitual no estranxeiro ou nas Cidades con Estatuto de Autonomía de Ceuta ou Melilla, cubrirán o apartado "N" da declaración para determinar o importe do IRPF que corresponde á súa Comunidade Autónoma de residencia.
A determinación deste importe realizarase conforme ás seguintes operacións:
(+) Cota líquida autonómica incrementada, recadro [0586]
(–) O 50 por 100 dos importes correspondentes a:
- Dedución por dobre imposición internacional, por razón das rendas obtidas e gravadas no estranxeiro, recadro [0588].
- Dedución por dobre imposición internacional nos supostos de aplicación do réxime de transparencia fiscal internacional, recadro [0589].
- Dedución por dobre imposición nos supostos do réxime de imputación de rendas derivadas da cesión de dereitos de imaxe, recadro [0590].
(=) Importe do IRPF que corresponde á Comunidade Autónoma de residencia do contribuínte.