Rendemento de actividades económicas
Actividades económicas en estimación obxectiva
1. Renuncia e consecuencias da renuncia
-
Renuncia: excepcionalmente para o exercicio 2022 permitiuse exercitar a renuncia ou revogación da renuncia á aplicación do método de estimación obxectiva ata o 30 de xaneiro de 2022. Agora ben, as renuncias ou revogacións presentadas para o ano 2022, durante o mes de decembro de 2021 entendéronse presentadas en período hábil.
-
Consecuencias da renuncia: os contribuíntes que renunciaron á aplicación no exercicio 2021 do método de estimación obxectiva, de acordo co que se dispón no artigo 10 do Real Decreto-lei 35/2020, do 22 de decembro, puideron no exercicio 2022 volver determinar o seu rendemento neto de acordo co devandito método, sen suxeición ao prazo mínimo de tres anos de vinculación obrigatoria ao método de estimación directa.
Para iso, os contribuíntes teñen que revogar a renuncia anterior, ben de forma expresa durante o mes de xaneiro de 2022, ben de forma tácita mediante a presentación en prazo da declaración correspondente ao pagamento fraccionado do primeiro trimestre do exercicio 2022 na forma disposta para o método de estimación obxectiva (é dicir, presentando o modelo 131).
2. Límites excluíntes :
-
O artigo 60 da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022 (BOE do 29 de decembro) modificou, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2022 e vixencia indefinida, a disposición transitoria trixésimo segunda da Lei do IRPF, para ampliar ao período impositivo 2022 a aplicación dos mesmos límites cuantitativos excluíntes fixados para os exercicios 2016 a 2021: tanto os relativos ao volume de rendementos íntegros no ano inmediato anterior derivado do exercicio de actividades económicas (250.000 euros para o conxunto de actividades económicas, agás as agrícolas, gandeiras e forestais e 125.000 euros para as operacións en que exista obriga de expedir factura cando o destinatario sexa empresario) como ao volume de compras en bens e servizos (250.000 euros, excluídas as adquisicións de inmobilizado, para todas as actividades en estimación obxectiva-comprendidas tamén as actividades agrícolas, gandeiras e forestais-).
-
Para actividades agrícolas, gandeiras e forestais aplícase o límite excluínte previsto no artigo 31 da Lei do IRPF para o volume de rendementos íntegros no ano inmediato anterior (250.000 euros anuais, para o conxunto das súas actividades agrícolas, gandeiras e forestais desenvolvidas polo contribuínte) e, para o volume de compras en bens e servizos, a cantidade de 250.000 euros, excluídas as adquisicións de inmobilizado, para todas as actividades en estimación obxectiva, prevista na disposición transitoria trixésimo segunda na Lei do IRPF e cuxa aplicación se amplía ao exercicio 2022.
3. Determinación do rendemento neto previo :
A Orde HFP/1335/2021, do 1 de decembro (BOE do 2 de decembro) mantén para o exercicio 2022 a contía dos signos, índices ou módulos do exercicio anterior.
Non obstante, a Orde HFP/1172/2022, do 29 de novembro (BOE do 1 de decembro), pola que se desenvolven para o ano 2023 o método de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e o réxime especial simplificado do Imposto sobre o Valor Engadido introduce varias medidas excepcionais que se concretan a continuación.
4. Determinación do rendemento neto minorado
Para as actividades agrícolas e gandeiras, coa finalidade de compensar o incremento do custo de determinados insumos, establécese a posibilidade de aplicar sobre o rendemento neto previo, antes da amortización do inmobilizado material e intanxible, as seguintes reducións:
-
Redución do 35 por 100 do prezo de adquisición do gasóleo agrícola.
-
Redución do 15 por 100 do prezo de adquisición dos fertilizantes.
En ambos os dous casos, as adquisicións teñen que ser necesarias para o desenvolvemento das devanditas actividades, débense efectuar no exercicio 2022 e figurar documentadas en facturas emitidas no devandito período que cumpran os requisitos previstos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
5. Determinación do rendemento neto de módulos
O índice corrector por pensos adquiridos a terceiros establécese no 0,50 por 100 e o índice por cultivos en terras de regadío que utilicen, para tal fin, enerxía eléctrica se fixa no 0,75 sobre o rendemento procedente dos cultivos realizados en terras de regadío por enerxía eléctrica.
Para a aplicación deste índice elimínase ademais o requisito de que o consumo eléctrico diario medio, en termos de enerxía facturada en kWh, da factura do mes do período impositivo con maior consumo sexa, polo menos, 2,5 veces superiores ao correspondente á de dous meses do mesmo período impositivo.
6.Determinación do rendemento neto da actividade: reducións aplicables
-
Redución xeral: elévase do 5 ao 15 por 100 a redución xeral aplicable sobre o rendemento neto de módulos obtidos no período impositivo 2022 polos contribuíntes en estimación obxectiva con actividades distintas das agrícolas, gandeiras e forestais.
No caso de actividades agrícolas, gandeiras e forestais, o artigo 2 da Orde HFP/405/2023, do 18 de abril (BOE do 25 de abril), volveu elevar para o período impositivo 2022 a devandita porcentaxe de redución xeral pasando do 15 ao 25 por 100.
-
Redución Lorca: mánténse a redución do 20 por 100 do rendemento neto para actividades económicas desenvolvidas no termo municipal en Lorca (Murcia), aplicable solo para determinar o rendemento neto nas actividades distintas das agrícolas, gandeiras e forestais.
-
Redución Illa da Palma: establécese unha redución do 20 por 100 do rendemento neto que poderán aplicar os contribuíntes que desenvolvan actividades económicas na Illa da Palma.
Esta redución, a diferenza da de Lorca, aplícase a todas as actividades económicas que determinen o rendemento neto no método de estimación obxectiva, incluídas as actividades agrícolas, gandeiras e forestais.