Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2024. Tomo 2. Deducións autonómicas
Procesando...

Por investimento en vivenda habitual

Normativa: Art. 14 Texto Refundido das disposicións legais vixentes ditadas pola Comunidade Autónoma das Canarias en materia de tributos cedidos, aprobado por Decreto-lexislativo 1/2009, do 21 de abril

Véxase tamén a disposición adicional primeira do Decreto lei 12/2021, do 30 de setembro, polo que se adoptan medidas tributarias, organizativas e de xestión como consecuencia da erupción volcánica na illa da Palma (BOC 01-10-2021- BOE 25-11-2021)

Erupción volcánica da Palma: de acordo coa disposición adicional primeira do Decreto lei 12/2021, NON se perderá o dereito ás deducións practicadas na cota íntegra autonómica do   IRPF polas cantidades satisfeitas por este concepto, a pesar de que as vivendas habituais fosen destruídas pola erupción volcánica da Palma, podendo continuar aplicando esta dedución polas cantidades que puidesen seguir aboando.

Contía e base máxima da dedución

  • Os contribuíntes poderán deducir a porcentaxe que en cada caso corresponda, conforme ao seguinte cadro, das cantidades satisfeitas no período impositivo pola adquisición da vivenda que constitúa ou vaia a constituír a súa residencia habitual, nos mesmos termos e sempre que concorran os mesmos requisitos esixidos no artigo 68.1 da Lei do IRPF, segundo a redacción vixente a 1 de xaneiro de 2012.

    A adquisición esténdese á construción da vivenda habitual, rehabilitación e ampliación da mesma de acordo co previsto na súa disposición transitoria décimo oitava da Lei do IRPF.

    Lembre que, de acordo co artigo 55 do Regulamento do IRPF, na redacción vixente a 31 de decembro de 2012, considérase construción de vivenda habitual o suposto en que o contribuínte satisfaga directamente os gastos derivados da execución das obras, ou entregue cantidades a conta ao promotor das mesmas, sempre que as obras finalicen nun prazo non superior a catro anos desde o inicio do investimento, agás  nos supostos excepcionais previstos nos apartados 3 e 4 do citado artigo 55, en que se poderá conceder unha ampliación do devandito prazo que, en ningún caso, pode exceder doutros catro anos máis.

    Importe da base impoñible xeral e do aforro Porcentaxe de dedución
    Inferior a 25.500 euros 5 por 100
    Igual ou superior a 25.500 euros e inferior a 45.500 euros 3,5 por 100

    Para os efectos da aplicación da táboa anterior cada contribuínte tomará a suma do importe da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro que consten reflectidas nos recadros [0435] e [0460] da súa declaración en réxime de tributación individual.

    As porcentaxes anteriores serán do 5,5 por 100 e do 4 por 100, respectivamente, se o contribuínte é menor de 40 anos.

  • A base máxima da dedución será de 6.000 euros anuais por contribuínte.

    A base da dedución minorarase no importe das axudas concedidas polas Administracións Públicas no período impositivo de que se trate, que cubran a totalidade ou parte dos gastos que dan dereito á dedución, sempre que tales axudas teñan a consideración de renda exenta aos efectos do IRPF.

Condicións para a aplicación da dedución

  • O concepto de vivenda habitual, así como a base máxima de dedución e os restantes requisitos esixidos para a práctica da dedución son os contidos na normativa estatal da dedución  por investimento en vivenda habitual  na redacción vixente a 31 de decembro de 2012.

Límite conxunto da dedución

A suma do importe desta dedución canda o das deducións autonómicas “Por cantidades destinadas polos seus titulares á restauración, rehabilitación ou reparación de bens inmobles declarados de Interese Cultural”, “Por obras de rehabilitación enerxética da vivenda habitual" e “Por obras de adecuación da vivenda habitual por persoas con discapacidade" non poderá exceder o 15 por 100 da cota íntegra autonómica, recadro [0546] da declaración.