Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2024. Tomo 2. Deducións autonómicas

Tramo autonómico da dedución por investimento en vivenda habitual

Normativa: Art. 613-1 Decreto Lexislativo 1/2024, do 12 de marzo, polo que se aproba o libro sexto do Código tributario de Catalunya, que integra o texto refundido dos preceptos legais vixentes en Catalunya en materia de tributos cedidos

Para os contribuíntes aos que sexa aplicable o réxime transitorio da dedución por investimento en vivenda habitual que regula a disposición transitoria décimo oitava da Lei do IRPF, as porcentaxes de dedución por investimento en vivenda habitual no tramo autonómico son os seguintes:

  • O 7,5 por 100, con carácter xeral.

  • O 15 por 100, se se trata das obras de adecuación da vivenda habitual de persoas con discapacidade ás que se refire o número 4 do artigo 68.1 da Lei do IRPF na redacción vixente a 31 de decembro de 2012.

Para os contribuíntes que adquiriron a súa vivenda habitual antes do 30 de xullo de 2011 ou satisfixeron antes desta data cantidades para a construción da vivenda habitual (non inclúe a rehabilitación nin a ampliación da vivenda habitual) e teñan dereito á dedución por investimento en vivenda aplícase unha porcentaxe incrementada do 9 por 100 cando se encontren nalgunha das situacións seguintes:

  1. Ter 32 anos ou menos á data de devindicación do imposto (normalmente, o 31 de decembro).

  2. Estar no paro durante 183 días ou máis durante o exercicio.

  3. Ter un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100.

  4. Formar parte dunha unidade familiar que inclúa polo menos un fillo na data de devindicación do imposto.

Para poder gozar da porcentaxe do 9 por 100 de dedución, cómpre que a suma da base impoñible xeral e do aforro menos o mínimo persoal e familiar, na declaración do IRPF do contribuínte correspondente ao exercicio en que se aplica a dedución, non exceda de 30.000 euros.

No caso de tributación conxunta, este límite compútase de xeito individual para cada un dos contribuíntes que teña dereito á dedución por realizar investimentos na vivenda habitual durante o exercicio.