Por adquisición de vivenda habitual en municipios en risco de despoboamento
Normativa: Arts. 10 ter e 18.2 Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade de Madrid en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado por Decreto Lexislativo 1/2010, de 21 outubro
Contía, ámbito temporal de aplicación e límite máximo da dedución
-
O 10 por 100 do prezo de adquisición de vivendas adquiridas por contribuíntes en municipios da Comunidade de Madrid en risco de despoboamento.
Terán tal consideración os municipios da Comunidade de Madrid que teñan unha poboación inferior a 2.500 habitantes a data 1 de xaneiro do exercicio anterior ao da devindicación da dedución, de acordo cos datos publicados polo INE.
Pode consultar as cifras oficiais de poblacion dos municipios españois en aplicación da Lei de Bases do Réxime Local (art. 17) na seguinte ligazón: Madrid: Poboación por municipos e sexo.
Considerarase como prezo de adquisición da vivenda o importe real polo que se efectúe tal adquisición máis os gastos e tributos inherentes, excluídos os intereses, que fosen satisfeitos polo contribuínte.
Importante : a base da dedución estará integrada exclusivamente por aquelas cantidades destinadas a satisfacer o importe real de adquisición da vivenda, máis os gastos e tributos inherentes á devandita adquisición, tales como impostos directos e indirectos, rexistro, notario, etc., pero non así aqueles gastos que xere a solicitude e concesión do préstamo hipotecario que financie a súa adquisición ao non formar parte do prezo da vivenda.
-
O importe total da dedución ratearase por décimas partes e aplicarase no período impositivo en que se produza a adquisición e os nove períodos seguintes.
Naqueles casos en que se invistan cantidades en varios períodos impositivos na adquisición dunha vivenda en construción o importe da dedución correspondente a cada investimento ratearase por décimas partes e aplicarase no período impositivo en que se produza o devandito investimento e os nove períodos impositivos seguintes.
-
Establécese un límite máximo anual de 1.546,50 euros.
Requisitos para a aplicación da dedución
-
Que os contribuíntes sexan menores de trinta e cinco anos.
-
Que adquiran a partir do 1 de xaneiro de 2024 nun municipio da Comunidade de Madrid en risco de despoboamento un inmoble que vaia a constituír a súa vivenda habitual.
Precisións :
- Considerarase vivenda habitual a que se axusta á definición e requisitos establecidos na normativa reguladora do IRPF.
- A dedución resulta así mesmo aplicable naqueles casos en que se invistan cantidades na adquisición dunha vivenda en construción, é dicir, con anterioridade á adquisición xurídica da vivenda, sempre que se o investimento se efectúe a partir do 1 de xaneiro de 2024.
-
Que os contribuíntes manteñan a súa residencia habitual no devandito municipio e a súa vivenda durante o período impositivo en que se produce a adquisición e nos 3 períodos impositivos seguintes.
-
Que a suma da base impoñible xeral e do aforro do contribuínte , canda a correspondente ao resto de membros da súa unidade familiar, suma dos recadros [0435] e [0460] da declaración, non supere a cantidade en euros resultante de multiplicar por 30.930 o número de membros da devandita unidade familiar.
Perda do dereito ás deducións practicadas
O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos orixinará a perda do dereito á dedución, procedendose á regularización de acordo co que se establece na normativa estatal do IRPF.
Sempre que o contribuínte mantivese a residencia habitual no municipio e a súa vivenda durante o período impositivo en que se produza a adquisición e nos 3 períodos impositivos seguintes, resultará aplicable a dedución de forma rateada por décimas partes no período impositivo en que se produza a adquisición (ou investimento) e os nove períodos impositivos seguintes. Non se perderá o dereito a aplicar a dedución en caso de trasladar a súa residencia con posterioridade ao último dos 3 períodos impositivos citados.
Compatibilidade
Esta dedución resulta compatible, para os mesmos investimentos, coa aplicación das deducións autonómicas “Por cambio de residencia a un municipio en risco de despoboamento” e “Polo pagamento de intereses de préstamos para a adquisición de vivenda por mozos menores de trinta anos”.