Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2025. Parte 2. Deducións autonómicas

Por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación

Normativa: Art. 110-9 Texto Refundido das disposicións ditadas pola Comunidade Autónoma de Aragón en materia de tributos cedidos, aprobado por Decreto Lexislativo 1/2005, do 26 de setembro

Contía e límite máximo da dedución

  • O 20 por 100 das cantidades invertidas no exercicio na adquisición de accións ou participacións sociais como consecuencia de acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital en sociedades mercantís a que se refire o artigo 68.1 da Lei do IRPF coas seguintes limitacións:

    1. Só poderá aplicarse esta dedución sobre a contía invertida que supere a base máxima da dedución xeral por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais de novas entidades ou de recente creación prevista no citado artigo 68.1 da Lei do IRPF.

    2. Se o contribuínte transmite accións ou participacións e opta pola aplicación da exención prevista no artigo 38.2 da Lei do IRPF, unicamente formará parte da base da dedución correspondente ás novas accións ou participacións subscritas a parte do reinvestimento que exceda do importe total obtido na transmisión daquelas. En ningún caso se poderá practicar dedución polas novas accións ou participacións mentres as cantidades invertidas non superen a citada contía.

      A exención da ganancia patrimonial que se poña de manifesto con ocasión da transmisión de accións ou participacións cando o importe obtido se reinvista noutra entidade de nova ou recente creación coméntase no Capítulo 11 da Parte 1 deste Manual.

  • O importe máximo desta dedución será de 4.000 euros.

Requisitos e outras condicións para a aplicación da dedución

A aplicación da dedución está condicionada ao cumprimento dos mesmos requisitos e condicións previstos no artigo 68.1 da Lei do IRPF en relación coa dedución xeral por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais de novas entidades ou de recente creación e, ademais, os seguintes:

  • A Sociedade Anónima, Sociedade Limitada, Sociedade Anónima Laboral ou Sociedade Limitada Laboral onde debe materializarse o investimento deberá ter o seu domicilio social e fiscal en Aragón.

  • O contribuínte poderá formar parte do consello de administración da sociedade na cal se materializou o investimento, sen que, en ningún caso, poida levar a cabo funcións executivas nin de dirección nin manter unha relación laboral coa entidade obxecto do investimento.

Perda do dereito á dedución practicada

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos leva consigo a perda do beneficio fiscal e o contribuínte deberá incluír na cota líquida autonómica da declaración do imposto correspondente ao exercicio no que se produciu o incumprimento as cantidades indebidamente deducidas, máis os intereses de demora percibidos.

Incompatibilidade

Esta dedución resulta incompatible, para os mesmos investimentos, coa aplicación das deducións autonómicas "Por investimento en accións de entidades que cotizan no segmento de empresas en expansión do Mercado Alternativo Bolsista" e "Por investimento en entidades da economía social".

Importante: unha vez introducida polos contribuíntes con dereito á dedución a información necesaria para o seu cálculo, será automaticamente trasladada ao apartado "Información adicional á dedución autonómica por investimento na adquisición de accións e participacións sociais en entidades novas ou de recente creación de Andalucía, Aragón, Principado de Asturias, Illes Balears, Canarias, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Extremadura, Galicia, Madrid, Murcia e Comunitat Valenciana" do Anexo B.11 da declaración.