Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2025. Parte 2. Deducións autonómicas

Por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades que realicen determinados proxectos declarados de especial interese público, social ou económico

Normativa: Art. 5.Vinte e un Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado por Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo

Contía e base máxima da dedución

  • O 20 por 100 das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de accións ou participacións sociais, a consecuencia de acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital, daquelas entidades que teñan por obxecto social exclusivo a realización de proxectos que sexan declarados de especial interese público, social ou económico, aos que se refiren os artigos 17 e 20 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

    Regula para tal fin o citado artigo 17 a "Declaración de especial interese público, social e económico dos proxectos de produción de enerxías renovables e as súas infraestruturas", nos seguintes termos:

    • 1. Os proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables e as súas infraestruturas asociadas poderán declararse de especial interese social e económico polo Consello da Xunta de Galicia a proposta da consellaría competente en materia de enerxía.

    • 2. Para a declaración de especial interese social e económico valoraranse discrecionalmente os beneficios dos proxectos de acordo co que se establece na presente lei. En particular, a declaración poderá recaer nos proxectos que cumpran algún dos seguintes requisitos:

      • a) Proxectos renovables que subscriban contratos de compravenda de enerxía a prezo competitivo.

      • b) Proxectos renovables que comporten determinados investimentos no territorio ou a execución de proxectos empresariais.

      • c) Proxectos renovables destinados ao autoconsumo eléctrico.

      • d) Proxectos de repotenciación e actualización tecnolóxica de parques eólicos xa existentes.

  • Establécese unha base máxima de 10.000 euros para cada entidade, con independencia de que o investimento se realice nun ou en varios períodos impositivos.

    A base máxima citada será similar en tributación individual e en tributación conxunta.

Incompatibilidade

Esta dedución resulta incompatible con calquera outra dedución autonómica que resulte de aplicación polo mesmo investimento en capital.

Resulta polo tanto incompatible, con respecto a un mesmo investimento, coa aplicación das deducións autonómicas “Por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais de entidades de entidades de nova ou recente creación”, “Por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais de entidades de nova ou recente creación e o seu financiamento”, “Por investimento en accións de entidades que cotizan no segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bolsista” e “Por investimento en empresas que desenvolvan actividades agrarias”.

Importante: unha vez introducida polos contribuíntes con dereito á dedución a información necesaria para o seu cálculo, será automaticamente trasladada ao apartado "Información adicional á dedución autonómica de Galicia por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades que realicen determinados proxectos declarados de especial interese público, social ou económico" do Anexo B.13 da declaración.