Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2025. Parte 2. Deducións autonómicas

Por investimento en entidades de economía social

Normativa: Art. 1.Veinticuatro Texto Refundido das disposicións legais vixentes na Rexión de Murcia en materia de tributos cedidos, aprobado por Decreto Lexislativo 1/2010, do 5 de novembro

Contía da dedución e límite máximo

  • O 20 por 100 das cantidades invertidas durante o exercicio nas achegas realizadas coa finalidade de ser socio en entidades que formen parte da economía social a que se refire o apartado seguinte.

  • Establécese un límite máximo de 4.000 euros.

Requisitos e outras condicións para a aplicación da dedución

A aplicación desta dedución está suxeita ao cumprimento dos requisitos e condicións seguintes:

  1. A participación alcanzada polo contribuínte como consecuencia da achega realizada, computada xunto coa que posúan da mesma entidade o seu cónxuxe ou persoas a el unidas por razón de parentesco ata o terceiro grao incluído, en liña recta ou colateral, por consanguinidade ou afinidade, non poderá ser superior ao 40 por 100 do capital da entidade obxecto do investimento ou dos seus dereitos de voto.

  2. A entidade na que debe materializarse o investimento terá que cumprir os seguintes requisitos:

    1. Formar parte da economía social, nos termos previstos na Lei 5/2011, do 29 de marzo, de Economía Social (BOE do 30 de marzo).

      De acordo co artigo 6 da Lei 5/2011: "O Ministerio de Traballo e Inmigración (actualmente o Ministerio de Traballo e Economía Social), logo de informe do Consello para o Fomento da Economía Social, e en coordinación coas Comunidades Autónomas, elaborará e manterá actualizado un catálogo dos diferentes tipos de entidades integrantes da economía social, tendo en conta os principios establecidos na presente lei e de forma coordinada cos catálogos existentes no ámbito autonómico.

      Os catálogos de entidades de economía social deberán ser públicos. A publicidade farase efectiva por medios electrónicos".

    2. Ter o seu domicilio social e fiscal na Rexión de Murcia.

    3. Contar, como mínimo, cunha persoa ocupada con contrato laboral e a xornada completa, e dada de alta no réxime xeral da Seguridade Social.

  3. Os requisitos establecidos nos puntos 1, 2 e 3 anteriores deberán cumprirse durante un período mínimo de cinco anos a contar dende a achega.

  4. As operacións nas que sexa de aplicación a dedución deberán formalizarse en escritura pública, na que se fará constar a identidade dos investidores e o importe do investimento respectivo.

  5. As achegas haberán de manterse no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de cinco anos.

Perda do dereito á dedución practicada

O incumprimento dos requisitos e condicións expostos, a excepción do relativo á formalización das operacións en escritura pública, comportará a perda do beneficio fiscal e, en tal caso, o contribuínte deberá incluír na declaración do imposto correspondente ao exercicio en que se producise o incumprimento a parte do imposto que se tivese deixado de pagar como consecuencia da dedución practicada, xunto cos intereses de demora percibidos.

Incompatibilidade

Esta dedución resulta incompatible, para os mesmos investimentos, coa aplicación das deducións autonómicas "Por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación" e "Por investimento en accións de entidades que cotizan no segmento de empresas en expansión do Mercado Alternativo Bolsista".

Importante: unha vez introducida polos contribuíntes con dereito á dedución a información necesaria para o seu cálculo, será automaticamente trasladada ao apartado "Información adicional á dedución autonómica por investimentos ou doazóns a entidades da Economía Social establecidas en Aragón, Cantabria, Castela-A Mancha e a Rexión de Murcia" do Anexo B.11 da declaración.