Por adquisición de vehículos eléctricos novos
Normativa: Art. 32.7 e Disposición adicional terceira Lei 10/2017, do 27 de outubro, pola que se consolidan as disposicións legais da Comunidade Autónoma de La Rioja en materia de impostos propios e tributos cedidos
Contía da dedución
O 15 por 100 das cantidades satisfeitas no período impositivo pola adquisición de vehículos eléctricos novos sempre que corresponda a algunha das categorías que se relacionan a continuación.
Só terá dereito á dedución o adquirente que figure no documento xustificativo da compra.
Atención: só poderá aplicarse esta dedución pola adquisición dun vehículo eléctrico por persoa e no período impositivo no cal se matricule o vehículo cuxa adquisición xera o dereito a aplicar a dedución.
Requisitos e outras condicións para a aplicación da dedución
Ha de tratarse de vehículos non afectos a actividades profesionais ou empresariais do adquirente.
O importe de adquisición do vehículo non pode superar os 50.000 euros.
Os vehículos han de pertencer a algunha das seguintes categorías definidas na Directiva 2007/46/CE do Parlamento e do Consello, do 5 de setembro de 2007, e no Regulamento (UE) 168/2013 do Parlamento e do Consello, do 15 de xaneiro de 2013:
Atención: téñase en conta, respecto da categoría N1, que a Directiva 2007/46/CE do Parlamento e do Consello, do 5 de setembro de 2007 foi derrogada polo Regulamento (UE) 2018/858 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018.
Furgonetas ou camións lixeiros N1: Vehículos de motor concibidos e fabricados principalmente para o transporte de mercadorías cuxa masa máxima non sexa superior a 3,5 toneladas.
Ciclomotores L1e: Vehículos de dúas rodas cunha velocidade máxima por construción non superior a 45 km/h e potencia continua nominal non superior a 4 kW.
Triciclos L2e: Vehículos de tres rodas cunha velocidade máxima por construción non superior a 45 km/h e potencia continua nominal non superior a 4 kW.
Bicicletas de pedaleo asistido por motor eléctrico.
Cando o vehículo eléctrico adquirido pertenza á categoría N (Furgonetas ou camións lixeiros N1) ha de tratarse dalgún dos seguintes tipos:
Vehículos propulsados por motores de combustión interna que poidan utilizar combustibles fósiles alternativos homologados como GLP/Autogas, Gas Natural Comprimido (GNC), Gas Natural Licuado (GNL) ou bifuel gasolina gas.
Vehículos eléctricos puros (BEV).
Vehículos eléctricos de autonomía estendida (REEV), propulsados totalmente mediante motores eléctricos.
Cando o vehículo adquirido pertenza ás categorías L e bicicletas eléctricas deben estar propulsados exclusivamente por motores eléctricos, e estar homologados como vehículos eléctricos.
As bicicletas de pedaleo asistido por motor eléctrico deberán ter baterías de litio e cumprir coas prescricións das normas harmonizadas que resulten de aplicación e en particular a Norma UNE- EN 15194:2009.
Límite máximo
O importe máximo deducible por declaración será de:
300 euros para os vehículos indicados no apartado anterior salvo as bicicletas de pedaleo asistido por motor eléctrico.
225 euros para as bicicletas de pedaleo asistido por motor eléctrico
Atención: téñase en conta que a dedución total aplicada na declaración (conxunta ou individual) non pode exceder do límite máximo establecido para a categoría do vehículo de que se trate. Cando cada un dos cónxuxes adquira un vehículo de diferente categoría (bicicletas de pedaleo asistido por motor eléctrico e resto) o importe máximo deducible na declaración conxunta non poderá superar 300 euros.