Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2025. Parte 2. Deducións autonómicas

Por ascendentes maiores de 75 anos ou maiores de 65 anos con discapacidade

Normativa: Art. 4.Un.h), Catro e Cinco e disposición adicional sexta  Lei 13/1997, do 23 de decembro, pola que se regula o tramo autonómico do   Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e restantes tributos cedidos, da Comunitat Valenciana

Contía da dedución

197 euros por cada ascendente en liña directa, por consanguinidade, afinidade ou adopción, maior de 75 anos, ou maior de 65 anos que teña:

  • un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100 ou ben

  • un grao de discapacidade intelectual ou mental recoñecido de maneira permanente igual ou superior ao 33 por 100.

    Atención : a esixencia de que o grao de discapacidade intelectual ou mental igual ou superior ao 33 por 100 fose recoñecido de maneira permanente non resultará aplicable aos contribuíntes falecidos con anterioridade ao 30 de decembro de 2025.

O grao de discapacidade deberá acreditarse mediante o correspondente certificado expedido polos órganos competentes da Generalitat ou polos órganos correspondentes do Estado ou doutras comunidades autónomas.

As disposicións específicas previstas a favor das persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por cento ou con discapacidade intelectual ou mental recoñecida de maneira permanente e un grao igual ou superior ao 33 por cento resultarán de aplicación ás persoas suxeitas a unha curadoría con facultades de representación plena establecida por resolución xudicial e ás persoas con discapacidade cuxa incapacidade se declarase xudicialmente, aínda que non acade o devandito grao.

A concorrencia dunha discapacidade intelectual ou mental de carácter permanente nos supostos de grao recoñecido igual ou superior ao 33 por cento deberá así mesmo ser acreditada mediante o correspondente certificado expedido polos órganos competentes da Generalitat ou polos órganos correspondentes do Estado ou doutras comunidades autónomas.

As disposicións específicas previstas a favor das persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, serán de aplicación aos pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, e no caso dos pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Requisitos e outras condicións para a aplicación da dedución

  • Que os ascendentes convivan co contribuínte , polo menos a metade do período impositivo. Entre outros casos, considerarase que conviven co contribuínte os ascendentes con discapacidade que, dependendo do mesmo, sexan internados en centros especializados.

  • Que os ascendentes non teñan rendas anuais, excluídas as exentas, superiores a 8.000 euros.

  • Que os ascendentes non presenten declaración polo IRPF con rendas superiores a 1.800 euros.

  • Que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro do contribuínte, recadros [0500] e [0510] da declaración, non sexa superior a :

    • - 30.000 euros en declaración individual.

    • - 47.000 euros en declaración conxunta.

  • A determinación das circunstancias persoais e familiares que deban terse en conta realizarase atendendo á situación existente na data de devindicación do imposto (normalmente, o 31 de decembro).

  • Cando máis dun contribuínte declarante teña dereito á aplicación desta dedución respecto dos mesmos ascendentes, o importe da mesma ratearase entre eles por partes iguais.

    Non obstante, cando os contribuíntes declarantes teñan distinto grao de parentesco co ascendente, a aplicación da dedución corresponderá aos de grao máis próximo, non sendo que estes non teñan rendas anuais, excluídas as exentas, superiores a 8.000 euros, en cuxo caso corresponderá aos do seguinte grao.

Límites da dedución segundo base liquidable

  • O importe íntegro da dedución (197  euros) só será aplicable aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro (recadros [0500] e [0510] da declaración) sexa inferior a 27.000 euros, en tributación individual, ou inferior a 44.000 euros, en tributación conxunta.

  • Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro do contribuínte estea comprendida entre 27.000 e 30.000 euros, en tributación individual, ou entre 44.000 e 47.000 euros, en tributación conxunta, os importes da dedución serán os seguintes:

    1. En tributación individual, o resultado de multiplicar o importe da dedución (197  euros) por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula:

      100 × (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3.000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 27.000)

    2. En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o importe da dedución (197  euros) por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula:

      100 × (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3.000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 44.000)

Incompatibilidade

Esta dedución resulta incompatible coa aplicación da dedución autonómica "Por contratar de maneira indefinida a persoas afiliadas no Sistema Especial de Empregados de Fogar do Réxime Xeral da Seguridade Social para o coidado de persoas".