Hipoteca inversa
Normativa: Disposición adicional décimo quinta da Lei do IRPF e a disposición adicional primeira da Lei 41/2007, do 7 de decembro (BOE do 8)
Non tributan no IRPF as cantidades percibidas como consecuencia das disposicións que se fagan da vivenda habitual (hipoteca inversa ) polas persoas maiores de 65 anos, sempre que se leven a cabo de conformidade coa regulación financeira relativa aos actos de disposición de bens que conforman o patrimonio persoal para asistir as necesidades económicas da vellez e da dependencia.
Enténdese por "hipoteca inversa" o préstamo ou crédito garantido mediante hipoteca sobre un ben inmoble que constitúa a vivenda habitual do solicitante, sempre que cumpran os seguintes requisitos :
-
Que o solicitante e os beneficiarios que este poida designar sexan persoas de idade igual ou superior aos 65 anos.
-
Que o debedor dispoña do importe do préstamo ou crédito mediante disposicións periódicas ou únicas.
-
Que a débeda só sexa esixible polo acredor e a garantía executable cando faleza o prestameiro ou, se así se estipula no contrato, cando faleza o último dos beneficiarios.
-
Que a vivenda hipotecada fose taxada e asegurada contra danos de acordo cos termos e os requisitos que se establecen nos artigos 7 e 8 da Lei 2/1981, do 25 de marzo, de Regulación do Mercado Hipotecario.
Estas hipotecas só poderán ser concedidas polas entidades de crédito e polas entidades aseguradoras autorizadas que operen en España.