Solicitude de aboamento anticipado e a súa tramitación
A tramitación do aboamento anticipado efectuarase de acordo co seguinte procedemento:
1. Presentación da solicitude para o aboamento anticipado
Poderá presentarse a solicitude de aboamento anticipado a partir do momento en que, cumprindose os requisitos e condicións establecidas para o dereito á súa percepción, o contribuínte opte pola modalidade de aboamento anticipado da mesma.
A solicitude axustarase ao modelo 143.
Unha vez presentada a solicitude de aboamento anticipado, non será preciso reiterar a mesma durante todo o período en que se teña dereito ao aboamento anticipado da dedución, agás para comunicar as variacións sobrevidas posteriormente.
Presentarase unha solicitude por cada dedución á que se poida ter dereito e, no caso da dedución por ascendentes ou descendentes con discapacidade a cargo, respecto de cada ascendente ou descendente que de dereito á dedución.
2. Modalidades de solicitude de aboamento anticipado e a súa tramitación
A solicitude poderase presentar utilizando unha das dúas modalidades seguintes:
-
Modalidade individual.
Presentarase unha solicitude por cada contribuínte con dereito a dedución.
Neste tipo de solicitude aboarase ao solicitante a cantidade que resulte de dividir o importe que proceda entre o número de contribuíntes con dereito á aplicación do mínimo respecto do mesmo descendente ou ascendente con discapacidade, segundo a modalidade de dedución de que se trate.
O importe do aboamento mensual da dedución por cónxuxe non separado legalmente con discapacidade será de 100 euros e a solicitude sempre será individual, correspondendo a un só contribuínte.
-
Modalidade colectiva.
A solicitude presentarase por todos os contribuíntes que puidesen ter dereito á dedución respecto dun mesmo descendente ou ascendente.
Neste tipo de solicitude deberase designar como primeiro solicitante a un contribuínte que cumpra, no momento de presentar a solicitude, os requisitos previstos para a aplicación da dedución que corresponda.
O aboamento anticipado efectuarase mensualmente sen rateo algún, por importe de 100 euros por cada descendente ou ascendente.
Cada mes de xaneiro poderase modificar a modalidade de solicitude respecto de cada unha das deducións.
Os solicitantes, o cónxuxe non separado legalmente con discapacidade e os descendentes ou ascendentes con discapacidade que se relacionen na solicitude, deberán dispor de número de identificación fiscal.
3. Resolución
A Axencia Estatal de Administración Tributaria, á vista da solicitude recibida, e dos datos que constan no seu poder, se considera procedente a solicitude aboará de oficio de forma anticipada e a conta o importe de cada dedución ao solicitante.
No suposto de que non procedese o aboamento anticipado da dedución, a Axencia Estatal de Administración Tributaria procederá a ditar resolución expresa que será notificada ao interesado. O acordo que denegue a solicitude terá que ser en todo caso motivado.
4. Cobramento
O aboamento das deducións de forma anticipada efectuarase mensualmente pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, mediante transferencia bancaria, polo importe que corresponda en función de se é unha solicitude individual ou colectiva e dos meses en que se cumpran as condicións. A ministra de Facenda poderá autorizar o aboamento por cheque cruzado ou nominativo cando concorran circunstancias que o xustifiquen.