Persoas con discapacidade
Normativa: Art. 72 Regulamento IRPF.
Teñen a consideración de persoas con discapacidade, para os efectos do IRPF, os contribuíntes que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
O grao de discapacidade deberá acreditarse mediante certificado ou resolución expedida polo Instituto de Migracións e Servizos Sociais (IMSERSO ) ou o órgano competente das Comunidades Autónomas.
No referente á regulación do procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, aplicouse ata o 19 de abril de 2023 o Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro e a partir desa data o Real decreto 888/2022, do 18 de outubro (BOE do 20 de outubro), que entrou en vigor aos seis meses da súa publicación no BOE .
Os contribuíntes que con anterioridade ao 20 de abril de 2023, tivesen recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %de acordo co procedemento establecido no Real decreto 1723/1981, do 24 de xullo, ou no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, non precisarán dun novo recoñecemento. Cando se realice a revisión das devanditas valoracións, de oficio ou a instancia de parte, será cando se aplicará o previsto no novo Real decreto 888/2022. Véxase ao respecto a disposición transitoria primeira do citado Real decreto 888/2022.
Non obstante, considerarase afectado un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %:
-
No caso de pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez e
-
No caso de pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
Igualmente, considerarase acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %:
-
Cando se trate de persoas cuxa incapacitación fose declarada en virtude de resolucións xudiciais anteriores á Lei 8/2021 (mentres non se ditase unha nova resolución xudicial que as substituíse por novas medidas adaptadas á Lei 8/2021).
-
Cando se trate de persoas con discapacidade para as que se establecese a curadoría representativa en virtude de resolucións xudiciais ditadas con posterioridade á entrada en vigor da Lei 8/2021 (tanto en resolucións xudiciais relativas a casos de novas situacións, como en resolucións xudiciais ditadas en substitución doutras resolucións anteriores á devandita Lei 8/2021).
Teñase en conta que, a partir do 3 de setembro de 2021, data de entrada en vigor da Lei 8/2021, do 2 de xuño, que reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, a incapacitación xudicial desaparece e, en consecuencia, a figura do incapaz, sendo substituída por unha resolución xudicial que determine os actos para os que a persoa con discapacidade requira o apoio para o exercicio da súa capacidade xurídica.
A devandita desaparición afecta ao artigo 60.3 da Lei do IRPF e, no mesmo sentido, ao artigo 72.1 do seu Regulamento, no tocante á a forma de acreditar un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.
A necesidade de axuda de terceiras persoas para desprazarse ao seu lugar de traballo ou para desempeñar o mesmo, ou a mobilidade reducida para utilizar medios de transporte colectivo, deberá acreditarse mediante certificado ou resolución do IMSERSO ou o órgano competente das Comunidades Autónomas en materia de valoración das discapacidades, baseandose no ditame emitido polos Equipos de Valoración e Orientación dependentes das mesmas.
O recoñecemento dun dos graos de dependencia que contempla o artigo 26.1 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, correspóndese con outro ámbito competencial que non responde ás esixencias do artigo 72 do Regulamento do IRPF e, polo tanto, non acredita esta.