Redución por tributación conxunta
Normativa: Art. 84.2.3º e 4ª Lei IRPF
Unidades familiares integradas por ambos os dous cónxuxes
En declaracións conxuntas de unidades familiares integradas por ambos os dous cónxuxes non separados legalmente e, se os houbese, os fillos menores que convivan, así como os maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada, mentres non se dite unha nova resolución xudicial que a substitúa ou, se é o caso, os fillos maiores de idade con discapacidade para os que se estableza a curadoría representativa cando esta sexa exercida pola persoa ou persoas ás que lles correspondería a patria potestade se o fillo fóra menor de idade, a base impoñible reducirase en 3.400 euros anuais.
Unidades familiares monoparentais
En declaracións conxuntas de unidades familiares monoparentais, é dicir, as formadas, nos casos de separación legal ou cando non exista vínculo matrimonial, polo pai ou a nai e todos os fillos menores ou maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada (ou a curadoría representativa) que convivan cun ou outra, a base impoñible reducirase en 2.150 euros anuais.
Non se aplicará esta redución cando o contribuínte conviva co pai ou a nai dalgún dos fillos que forman parte da súa unidade familiar.
A redución que proceda das comentadas aplicarase, en primeiro lugar, á base impoñible xeral, sen que poida resultar negativa como consecuencia de tal minoración. O remanente, se o houber, minorará a base impoñible do aforro, que tampouco poderá resultar negativa.