Saltar ao contido principal
Manual específico para persoas con discapacidade

Por familia numerosa

Normativa: Art. 5. Tres. 2 Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado por Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo

Contía da dedución

O contribuínte que posúa o título de familia numerosa á data de devindicación do   IRPF  poderá deducir da cota íntegra autonómica as cantidades seguintes:

  1. En xeral:

    • - 250 euros, no caso de que se trate de familias con dous fillos/as.

    • - 400 euros,  no caso de que se trate de familias con dous fillos/as que gocen do título de categoría especial.

    • - Incremento adicional de  250 euros  por cada fillo/a no resto dos casos (familias numerosas con máis de dous fillos/as).

  2. Cónxuxes ou descendentes con discapacidade:

    Cando o contribuínte ou algún dos descendentes  que dean dereito a aplicar esta dedución  teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100, a dedución anterior duplicarase. Polo tanto:

    • - 500 euros, no caso de que se trate de familias con dous fillos/as.

    • - 800 euros,  no caso de que se trate de familias con dous fillos/as que gocen do título de categoría especial.

    • - Incremento adicional de  500 euros  por cada fillo/a no resto dos casos.

Precisión: de acordo co artigo 3. Tres do Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado o grao de discapacidade terá que acreditarse mediante certificado ou resolución expedida polo órgano competente. En particular, considerarase acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por 100 no caso dos pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez e no caso dos pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Igualmente, considerarase acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100 cando se trate de persoas cuxa incapacidade sexa declarada xudicialmente, aínda que non acade o devandito grao, así como nos casos de dependencia severa e gran dependencia, sempre que estas últimas situacións fosen recoñecidas polo órgano competente, de acordo co que se establece no artigo 28 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Teñase en conta que, a partir da entrada en vigor da Lei 8/2021 de reforma do Código Civil, as referencias realizadas á incapacitación xudicial, esténdense ás resolucións xudiciais en que se establece a curadoría representativa das persoas con discapacidade.

Requisitos e outras condicións

  • O concepto de familia numerosa e a súa clasificación por categorías contéñense na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas (BOE  do 19 de novembro).

    O contribuínte debe posuír o título de familia numerosa na data de devindicación do imposto (normalmente, o 31 de decembro).

  • Cando  máis dun contribuínte  teña dereito á aplicación da dedución respecto dos mesmos descendentes, o seu importe será  rateado  entre eles  por partes iguais.

Incompatibilidade

A presente dedución é  incompatible  coa prevista no punto anterior, “Para familias con dous fillos e fillas”.