Saltar ao contido principal
Manual específico para persoas con discapacidade

Para familias con dous fillos e fillas

Normativa: Art. 5. Tres. 1 Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado por Decreto Lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.

Contía e requisitos para a aplicación da dedución.

  • 250 euros, para os contribuíntes que, á data de devindicación do   IRPF, teñan dous fillos que xeren ao seu favor o dereito á aplicación do correspondente  mínimo por descendentes  establecidos pola normativa reguladora do   IRPF.

  • 500 euros, cando o contribuínte ou dalgún dos fillos que dean dereito a aplicar esta dedución teña un  grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100.

    De acordo co artigo 3. Tres do Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, o grao de discapacidade terá que acreditarse mediante certificado ou resolución expedida polo órgano competente. En particular, considerarase acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por 100 no caso dos pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez e no caso dos pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

    Igualmente, considerarase acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100 cando se trate de persoas cuxa incapacidade sexa declarada xudicialmente, aínda que non acade o devandito grao, así como nos casos de dependencia severa e gran dependencia, sempre que estas últimas situacións fosen recoñecidas polo órgano competente, de acordo co que se establece no artigo 28 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

    Teñase en conta que, a partir da entrada en vigor da Lei 8/2021 de reforma do Código Civil, as referencias realizadas á incapacitación xudicial, esténdense ás resolucións xudiciais en que se establece a curadoría representativa das persoas con discapacidade.

  • Cando  máis dun contribuínte  teña dereito á aplicación da dedución respecto dos mesmos descendentes, o seu importe será  rateado  entre eles  por partes iguais.

Incompatibilidade

A presente dedución é  incompatible  coa prevista no punto seguinte, “Por familia numerosa”.