Presentación
A Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) ten entre os seus principais obxectivos o compromiso de minimizar os custos indirectos que deben asumir os cidadáns nas súas relacións coa Facenda Pública.
Fiel a este compromiso e co fin de facilitarlle o cumprimento das súas obrigas tributarias, a Axencia Tributaria pon á súa disposición este Manual Práctico do Imposto sobre o Valor Engadido (IVA) para o ano 2022, adaptado á linguaxe HTML que foi preparado polo Departamento de Xestión Tributaria, no que poden distinguirse tres partes claramente diferenciadas.
Na primeira delas enuméranse as principais novidades lexislativas e regulamentarias que afectaron ao IVA no ano 2022.
A segunda parte pretende facilitar a comprensión do Imposto, tanto no que se refire aos conceptos que nel se utilizan, coma en canto ao seu funcionamento, recollendo gran parte da casuística do IVA ilustrada con numerosos exemplos prácticos.
Por último, a terceira parte está dedicada a informar sobre cales son as obrigas fiscais relacionadas con este Imposto e como deben ser cumpridas. Estas obrigas, que afectan aos suxeitos pasivos do IVA, inclúen dende a realización das declaracións, tanto liquidadoras coma informativas, ata as obrigas de facturación e rexistro.
Por outra parte, a súa confección neste formato dixital HTML persegue alcanzar tres obxectivos básicos que viñan sendo reiteradamente demandados polos contribuíntes.
O primeiro é a súa accesibilidade Web, é dicir, lograr que o acceso a este sexa posible polo máximo número de persoas, independentemente dos seus coñecementos ou capacidades persoais ou físicas e independentemente das características técnicas do equipo utilizado para acceder á Web.
O segundo, posibilitar e poñer a disposición dos contribuíntes de forma simultánea os contidos do Manual noutros idiomas ou linguas cooficiais.
O terceiro e último obxectivo é o de optimizar a utilización do seu contido, isto é, unha explotación eficaz do contido do Manual que evite a duplicidade de documentos na Web da Axencia Tributaria sobre os mesmos temas, reducindo o exceso de almacenamento e a necesidade de estar a actualizar unha pluralidade de documentos comparativamente coincidentes.
Dende a campaña anterior, dadas as vantaxes que achega o Manual na súa versión HTML, optouse por suprimir a versión en papel do Manual práctico do Imposto sobre o Valor Engadido, e manter unicamente a versión en HTML. Ademais, dende a versión HTML, incorporouse a posibilidade de xerar un arquivo en formato PDF do contido do Manual, formato ao que se incorporaron na presente campaña melloras para o desprazamento e navegación por documento, e que permite a súa impresión en papel se así se desexa.
Departamento de Xestión Tributaria