Saltar ao contido principal
Manual práctico IVE 2024.

Cálculo e reintegro da compensación

1. Operacións polas que ten dereito ao cobramento da compensación

  1. Entregas dos produtos naturais obtidos nas súas explotacións a outros empresarios ou profesionais.

    Por exemplo, se o agricultor vende froita a particulares, no exercicio da súa explotación, non repercutirá IVE nin pode percibir compensación.

    Por excepción, non teñen dereito ao cobramento desta compensación:

    • Cando vendan a outros empresarios acollidos a este réxime.

    • Cando vendan a empresarios ou profesionais que realicen exclusivamente operacións exentas sen dereito a dedución.

  2. Entregas intracomunitarias exentas dos produtos naturais a unha persoa xurídica que non actúe como empresario ou profesional.

  3. Prestacións de servizos accesorios incluídos no réxime especial a empresarios ou profesionais.

    Non se aplica se o destinatario está tamén acollido a este réxime.

2. Contía da compensación a prezo fixado

En actividades agrícolas e forestais aplícase o 12 por cento.

En actividades gandeiras e pesqueiras aplícase o 10,5 por cento.

As porcentaxes indicadas aplícanse ao prezo de venda dos produtos ou servizos. Non se computan os tributos indirectos nin os gastos accesorios e complementarios cargados separadamente ao adquirente, tales como comisións, embalaxes, portes, transportes, seguros, financeiros ou outros.

3. Obrigados ao reintegro das compensacións

  1. Como regra xeral o adquirente dos bens ou destinatario dos servizos.

    Exemplo:

    Se un agricultor vende o 1 de marzo a un empresario establecido nas Illas Baleares por importe de 2000 euros, ten dereito ao cobramento dunha compensación do 12 por cento pola venda realizada a empresarios en territorio español do IVE, que lle debe reintegrar o destinatario da compra (2000 x 12% = 240 euros). O destinatario expedirá un recibo que debe asinar o agricultor e que serve de xustificante da operación.

  2. A Facenda Pública polas exportacións ou entregas intracomunitarias e polos servizos prestados a destinatarios establecidos fóra do territorio de aplicación do imposto.

    Exemplo:

    Se o agricultor vende a un empresario francés produtos por importe de 1.000 euros, está realizando unha entrega intracomunitaria exenta, pola que ten dereito a solicitar o reintegro da compensación correspondente (1.000 x 12% = 120 euros), presentando o modelo 341 durante os vinte primeiros días naturais seguintes a cada trimestre natural, agás a do último trimestre natural para o que hai de prazo ata o 30 de xaneiro.

4. Requisito formal: recibo

Para cobrar esta compensación, o destinatario debe expedir un recibo que debe ser asinado polo suxeito pasivo acollido ao REAGP, ao que lle debe entregar unha copia.

Datos que deben constar no recibo:

  1. Serie e número: a numeración será correlativa.

  2. Nome e dous apelidos ou denominación social, NIF e domicilio do expedidor e do destinatario, así como indicación de que o titular da explotación está acollido ao réxime especial da agricultura, gandaría e pesca.

  3. Descrición dos bens entregados ou servizos prestados, así como o lugar e data das respectivas operacións.

  4. Prezo dos bens ou servizos.

  5. Porcentaxe de compensación aplicada.

  6. Importe da compensación.

  7. Sinatura do titular da explotación agrícola, gandeira, forestal ou pesqueira.

Con estes requisitos, o empresario que satisfixo a compensación, se se cumpren o resto dos condicionantes comúns para as deducións, pode deducira na súa autoliquidación.