Saltar ao contido principal
Manual práctico IVE 2024.

Prazos de rexistro

1. Con carácter xeral establécese que as operacións obxecto de anotación rexistral deberán acharse asentadas nos correspondentes libros rexistros no momento en que se realice a liquidación e pagamento do imposto relativo ás devanditas operacións ou, en calquera caso, antes de que finalice o prazo legal para realizar a referida liquidación e pagamento en período voluntario.

Non obstante, as operacións efectuadas polo suxeito pasivo respecto das cales non se expidan facturas deberán anotarse no prazo de sete días a partir do momento da realización das operacións ou da expedición dos documentos, sempre que este prazo sexa menor que o sinalado no apartado anterior.

2. Para os suxeitos pasivos que teñan a obriga de levar os Libros rexistro do Imposto a través da Sede electrónica, establécese un prazo específico de remisión:

A información correspondente ás facturas expedidas, no prazo de catro días naturais desde a expedición da factura, non sendo que se trate de facturas expedidas polo destinatario ou por un terceiro, de acordo co que se dispón no artigo 164.dous da Lei do Imposto, e nas disposicións adicionais terceira e sexta do Regulamento de facturación e Mercado Organizado do Gas, en cuxo caso, o devandito prazo será de oito días naturais.

En ambos os dous supostos a subministración deberá realizarse antes do día 16 do mes seguinte a aquel en que se producise a devindicación do Imposto correspondente á operación que debe rexistrarse. Non obstante, tratandose de operacións non suxeitas ao Imposto polas que se debese expedir factura, o prazo de catro ou oito días naturais determinarase con referencia á data en que se realizase a operación.

Con efectos do 1 de xullo de 2023, nos casos en que non proceda a emisión de factura rectificativa en operacións acollidas ao réxime especial das axencias de viaxes ou ao réxime especial dos bens usados, obxectos de arte, antigüidades e obxectos de colección e deba anotarse no libro rexistro de facturas expedidas as regularizacións ou axustes da base impoñible e cota calculada inicialmente, consecuencia de descontos ou outras circunstancias posteriores á devindicación da operación, o rexistro destas anotacións deberá realizarse antes do día 16 do mes seguinte a aquel en que se advertisen estas regularizacións ou axustes.

O prazo de remisión dos rexistros de facturación correspondente a facturas expedidas rectificativas será de catro días naturais contado desde a expedición da devandita factura. Así mesmo, o prazo para a remisión dos cobramentos das operacións acollidas ao réxime especial do criterio de caixa, será de catro días naturais desde que se produza o cobramento correspondente.

A remisión do documento electrónico de reembolso ao que se refire o artigo 9.1.2.º B) do Regulamento do Imposto, deberá realizarse antes do día 16 do mes seguinte ao período de liquidación en que se inclúa a rectificación do Imposto correspondente á devolución da cota soportada polo viaxeiro.

Para os efectos do cómputo do prazo destes catro ou oito días naturais, excluiranse os sábados, os domingos e os declarados festivos nacionais.

Lémbrase que na  Sede electrónica  da Axencia Tributaria encóntrase dispoñible a ferramenta «Calculadora de prazos para a remisión dos rexistros de facturación» que indica a data límite para remitir os devanditos rexistros, así como o período e exercicio de anotación no Libro rexistro de facturas emitidas para cada unha das distintas claves de facturas.