Saltar ao contido principal
Manual práctico de Sociedades 2021

Tipo de gravame e cota

Regulación: Artigo 115 LIS

En todo caso, aplicarase á base impoñible total o tipo xeral de gravame do 25 por cento previsto no artigo 29.1 do LIS.

O tipo xeral do Imposto sobre Sociedades aplícase tanto á parte da base impoñible derivada da aplicación do réxime especial coma á parte de base impoñible derivada do resto de actividades que puidese levar a cabo a entidade e que está suxeita ás normas xerais do imposto.

A parte da cota íntegra derivada de aplicar o tipo xeral de gravame á base impoñible determinada en réxime de estimación obxectiva, non poderá reducirse pola aplicación de ningún tipo de dedución ou bonificación.Así mesmo, a adquisición dos buques que se afecten ao presente réxime non supoñerá a aplicación de ningún incentivo nin dedución fiscal.

A parte de cota íntegra que proceda do resto de base impoñible non poderá minorarse pola aplicación de deducións xeradas pola adquisición dos buques referidos antes da súa afectación ao réxime especial.

Unicamente se poderán incluír bonificacións e deducións sobre a cota íntegra derivada da parte de base impoñible sometida ao réxime xeral e, no seu caso, da cota íntegra derivada das rendas obtidas con motivo da transmisión dos buques afectos a este réxime especial e que non integran a parte de base impoñible determinada en réxime de estimación obxectiva.