Saltar ao contido principal
Manual práctico de Sociedades 2024.

F. Identificación do titular real da entidade

As entidades que depositen contas anuais agás aquelas que coticen nun mercado regulado nos termos previstos no artigo 3.6.a). i) da Directiva (UE) 2015/849 e no artigo 9.4 do Regulamento da Lei 10/2010, do 28 de abril, de prevención do branqueo de capitais e do financiamento do terrorismo, aprobado polo Real decreto 304/2014, do 5 de maio, teñen a obriga de identificar o titular real da entidade.

Segundo o previsto no artigo 4.2 b) da Lei 10/2010, do 28 de abril, teñen a calidade de «titular real» a persoa ou persoas físicas que en último termo posúan ou controlen, directa ou indirectamente, unha porcentaxe superior ao 25 por cento do capital ou dos dereitos de voto da sociedade, ou que por outros medios exerzan o control, directo ou indirecto, da devandita sociedade. No caso de que non se identifique ao titular real aplicando os criterios anteriores, considerarase titular real ao administrador da sociedade. No caso de que o administrador designado fóra unha persoa xurídica, entenderase que o control é exercido pola persoa física nomeada polo administrador persoa xurídica. No caso de consello de administración, deberá relacionarse a todos os conselleiros.

As entidades suxeitas a esta obriga de información deberán consignar os datos do titular real persoa física da entidade no cadro «F. Identificación do titular real da entidade »da páxina 2 bis do modelo 200, cubrindo os seguintes datos:

  • «Tipo documento identificativo».

  • «NIF/código de identificación estranxeira».

  • «Apelidos e nome».

  • «País de expedición do documento de identificación».

  • «Data de nacemento».

  • «País de residencia».

  • «Nacionalidade».

As entidades que conforme ao previsto no artigo 4.2 da Lei 10/2010, do 28 de abril, non teñan a obriga de identificar o titular real, deberán facero constar expresamente marcando cunha "X" o recadro creado para ese fin no devandito cadro.