Modelo 202
Para os pagamentos fraccionados cuxo prazo de declaración comece a partir do 1 de abril de 2025, deberase utilizar o modelo 202 aprobado pola Orde HFP/227/2017, do 13 de marzo, que foi modificada pola Orde HAC/941/2018, do 5 de setembro, a Orde HFP/312/2023, do 28 de marzo e a Orde HAC/262/2025, do 12 de marzo. Estes modelos encóntranse na Sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria (enderezo electrónico: https://sede.agenciatributaria.gob.es ) baixo a denominación «Modelo 202. Exercicios 2025 e seguintes. Presentación».
O modelo 202 será utilizado con carácter xeral polos obrigados a efectuar pagamentos fraccionados, o cal incluirá un anexo para a comunicación de datos adicionais á declaración que só é obrigatoria para os contribuíntes cuxo importe neto da cifra de negocios nos doce meses anteriores á data de iniciación do período impositivo fose polo menos de dez millóns de euros.
Non existirá obriga de presentar o modelo 202 nas autoliquidacións en que non debe realizarse ingreso ou con cota cero. Non obstante, os contribuíntes cuxo importe da cifra de negocios superase a cantidade de 6 millóns de euros durante os 12 meses anteriores á data en que se inicie o período impositivo ao que corresponda o pagamento fraccionado, están obrigados a presentar o modelo 202, polo que pode darse o caso de autoliquidacións negativas.
Tampouco deberán presentar o modelo 202 as agrupacións españolas de interese económico e unións temporais de empresas acollidas ao réxime especial regulado no Capítulo II do Título VII da LIS en que a porcentaxe de participación nas mesmas, na súa totalidade, corresponda a socios ou membros residentes en territorio español ou non residentes en territorio español con establecemento permanente no mesmo.
A presentación do modelo 202 deberá realizarse, obrigatoriamente, por vía electrónica a través de Internet.
No referente á presentación do modelo 202 nos supostos de tributación conxunta ao Estado e ás Deputacións Forais do País Vasco e / ou a Comunidade Foral de Navarra, aplícanse as seguintes regras:
-
A autoliquidación que hai que presentar ante a Administración do Estado efectuarase por vía electrónica a través de Internet.
-
A autoliquidación que hai que presentar ante as Deputacións Forais do País Vasco ou ante a Comunidade Foral de Navarra, realizarase de acordo coa normativa foral correspondente.
Cando o contribuínte se encontre sometido a normativa foral e tribute conxuntamente a ambas as dúas administracións, foral e estatal, a autoliquidación que deba presentar á Administración do Estado efectuarase exclusivamente por vía electrónica a través de Internet.
Para ter en conta:
O modelo 202 poderá utilizarse polos contribuíntes sometidos a normativa foral para autoliquidar e ingresar en territorio común o pagamento fraccionado foral, pero deberán marcar o recadro que lles corresponda de que se relacionan na parte inferior do apartado de «Identificación», indicando cal é a normativa que aplican.