1.II.3. Que é un operador económico «que efectúa actividades aduaneiras »?
O outro aspecto que ten que considerarse para establecer se un determinado solicitante é un «operador económico» ou non é se a súa actividade económica «se encontra regulada pola lexislación aduaneira».
As solicitudes para a obtención do estatuto de AEO só poderán admitirse dun operador económico que, no curso da súa actividade profesional, efectúe actividades reguladas pola lexislación aduaneira. Sobre a base de tal definición, própónse varias situacións en que o operador económico non pode solicitar a consecución do devandito estatuto, xa que non leva a cabo actividades aduaneiras. Por exemplo:
- un provedor con sede na UE que unicamente distribúa mercadorías en libre práctica a un fabricante tamén con sede na Unión;
- un transportista que traslade exclusivamente mercadorías en libre práctica non suxeitas a ningún outro réxime aduaneiro no territorio aduaneiro da Unión;
- un fabricante que produza mercadoría unicamente para o mercado interno da UE e utilice materias primas en libre práctica;
- un consultor que só preste servizos de consultoría ou ofreza asesoramento en materia aduaneira.
A definición de operador económico non limita o concepto de «realización de actividades reguladas pola lexislación aduaneira» exclusivamente a unha realización directa. Un fabricante que produza mercadorías que vaian ser exportadas poderá solicitar a condición de AEO aínda que as formalidades de exportación sexan efectuadas por un terceiro.
O concepto de protección e seguridade do AEO está moi vinculado á xestión da cadea de subministración. Os operadores que manipulan mercadorías suxeitas a vixilancia aduaneira, ou tratan a información aduaneira relacionada coas mesmas, poden solicitar un AEOS.
Non obstante, cada caso ten que considerarse por separado, tendo debidamente en conta todas as circunstancias que afecten o operador económico de que se trate.