3.IV.1. Factores que deben considerarse antes de adoptar a decisión
A decisión das autoridades aduaneiras sobre a posibilidade ou imposibilidade de conceder o estatuto de AEO baséase na información solicitada e analizada ao longo das diferentes etapas do proceso de autorización, desde a recepción da solicitude presentada ata a culminación plena do proceso de auditoría.
Para que as autoridades aduaneiras poidan adoptar a decisión, deberán terse en conta os factores que seguen:
- Toda a información previa acerca do solicitante de que dispoña a autoridade competente, incluído o formulario de solicitude do estatuto de AEO, canda o CAE cumprimentado, así como calquera outra información de referencia. Pode que cumpra volver comprobar tal información e, nalgúns casos, actualizara, para ter en conta posibles cambios que poidan haberse producido no período comprendido entre a data de recepción e admisión da solicitude e as de conclusión do proceso de autorización e publicación da decisión definitiva.
- Todas as conclusións pertinentes que os auditores haxan extraído durante o proceso de auditoría. As autoridades aduaneiras deberán preparar e aplicar os métodos máis eficaces de comunicación interna dos resultados da auditoría obtida polo equipo encargado da súa realización ás demais autoridades aduaneiras competentes participantes na adopción da decisión. Recoméndase tomar en consideración a documentación completa dos controis efectuados, así como un informe de auditoría ou outro documento ou medio apropiado, como o mecanismo máis axeitado de realizar tal comunicación.
- Os resultados de calquera outra avaliación da organización e os procedementos do solicitante que se levase a cabo por outros motivos de control.
Ao concluír o proceso e antes de adoptar a decisión final, a AAE informará o solicitante, en particular se é probable que as conclusións extraídas dean lugar a unha resolución negativa. En tal caso, tén quese brindar ao solicitante a oportunidade de expresar a súa opinión, responder á decisión prevista e achegar información suplementaria coa intención de conseguir unha decisión positiva (artigo 22, apartado 6, do CAU).
Para evitar que o dereito a ser oído ocasione atrasos, os artigos 8, apartado 1, e 13, apartado 2, do AD CAU definen un período de trinta días. Informarase o solicitante de que, se non responde no devandito prazo, considerarase que renuncia ao dereito a ser escoitado. Se unha persoa indica que renuncia ao seu dereito a ser escoitada, tal renuncia rexistrarase e manterase como proba de que se brindou ao solicitante a posibilidade de responder.
Informarase o solicitante de se as autoridades aduaneiras deciden ou non alterar a decisión orixinal sobre a base da información complementaria achegada.