Saltar ao contido principal
Manual práctico de Patrimonio 2020.

Presentación

A Axencia Estatal de Administración Tributaria ten entre os seus principais obxectivos o de minimizar os custos de cumprimento que deben soportar os cidadáns nas súas relacións coa Facenda Pública.

Fiel a este propósito, e co fin de facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias, a Axencia Tributaria pon á súa disposición a edición do Manual do Imposto sobre o Patrimonio do exercicio 2020 adaptado á linguaxe HTML (Linguaxe de Marcas de Hipertexto) que foi preparada polo Departamento de Xestión Tributaria.

O Manual responde á intención de divulgar o Imposto sobre o Patrimonio a través dunha visión rigorosa, total e actualizada do imposto.

Por outra banda, a súa confección neste formato dixital HTM persegue acadar tres obxectivos básicos que viñan sendo reiteradamente demandados polos contribuíntes.

O primeiro obxectivo é a súa accesibilidade web, é dicir, lograr que o acceso ao mesmo sexa posible polo máximo número de persoas, independentemente dos seus coñecementos ou capacidades persoais ou físicas e independentemente das características técnicas do equipo utilizado para acceder á Web.

O segundo obxectivo é o de posibilitar e pór a disposición dos contribuíntes de forma simultánea os contidos do Manual noutros idiomas ou linguas cooficiais.

O terceiro e último obxectivo é o de optimizar a utilización do seu contido. Isto é, a posibilidade de incluír en calquera zona, bloque ou sección da páxina web da AEAT (Axencia Estatal de Administración Tributaria) unha ligazón ao manual ou a unha parte concreta do mesmo, así como facilitar a navegación e busca da información que o contribuínte pretenda consultar no mesmo.

Perséguese unha explotación eficaz do contido do Manual que evite a actual duplicidade de documentos na web da Axencia tributaria sobre os mesmos temas, reducindo o exceso de almacenaxe e a necesidade de estar actualizando unha pluralidade de documentos comparativamente coincidentes.

As vantaxes que achega o Manual en HTML e a necesidade de evitar discrepancias entre os contidos das versións en papel e en HTML levou a tomar a decisión de suprimir para esta campaña a versión en papel do Imposto sobre o Patrimonio (que se incluía no Manual práctico de Renda) e manter unicamente a versión en HTML. Nesa decisión, tivo un peso moi significativo a nova funcionalidade que se incorpora na versión HTML de xerar un arquivo en formato PDF do contido do Manual. Este documento PDF, que tanto pola súa estética visual (moi parecida á do manual en papel) como por permitir a súa impresión en papel se así se desexa, cobre a demanda que puidesen propor os contribuíntes acostumados a manexar a edición impresa.

Departamento de Xestión Tributaria