Saltar ao contido principal
Manual práctico de Patrimonio 2021.

7. Valores pertencentes a non residentes

Normativa: Art. 4.Sete Lei Imposto Patrimonio

Están exentos os valores pertencentes a non residentes cuxos rendementos estean exentos en virtude  do que se dispón no artigo 14 do texto refundido da Lei do Imposto sobre a  Renda de non Residentes, aprobado polo Real decreto Lexislativo 5/2004, do 5 de marzo.

De acordo co que se dispón no citado artigo 14 do texto refundido da Lei do Imposto sobre a  Renda de non Residentes estarán exentos, entre outros:

  • As ganancias patrimoniais derivadas de bens mobles obtidos sen mediación de establecemento permanente, por residentes noutro Estado membro da Unión Europea ou noutro Estado integrante do Espazo Económico Europeo ou por establecementos permanentes dos devanditos residentes situados noutro Estado membro da Unión Europea ou noutro Estado integrante do Espazo Económico Europeo.

    No caso de Estados que formen parte do Espazo Económico Europeo que non sexan Estados membros da Unión Europea, aplicarase o anterior sempre que exista un efectivo intercambio de información tributaria nos termos previstos na disposición adicional primeira.4 da Lei 36/2006, do 29 de novembro, de medidas para a prevención da fraude fiscal.

    O que se dispón no parágrafo anterior non resultará de aplicación ás ganancias patrimoniais derivadas da transmisión de accións, participacións ou outros dereitos nunha entidade nos seguintes casos:

    1. Que o activo da entidade consista principalmente, directa ou indirectamente, en bens inmobles situados en territorio español.

    2. No caso de contribuíntes persoas físicas, que, nalgún momento anterior, durante o período de 12 meses precedente á transmisión, o contribuínte participase, directa ou indirectamente, en polo menos o 25 por 100 do capital ou patrimonio da entidade.

    3. No caso de entidades non residentes, que a transmisión non cumpra os requisitos para a aplicación da exención prevista no artigo 21 da Lei do Imposto sobre Sociedades.

    Tampouco será de aplicación a citada exención cando se trate de ganancias patrimoniais obtidas a través dos países ou territorios cualificados como xurisdición non cooperativa.

Atención: teñase en conta que a Lei 11/2021, do 9 de xullo, de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal, de transposición da Directiva (UE ) 2016/1164, do Consello, do 12 de xullo de 2016, pola que se establecen normas contra as prácticas de evasión fiscal que inciden directamente no funcionamento do mercado interior, de modificación de diversas normas tributarias e en materia de regulación do xogo (BOE do 10) modificou disposición adicional primeira da Lei 36/2006, do 29 de novembro, de medidas para a prevención da fraude fiscal, para introducir a definición de país e territorio que teñen a consideración de xurisdición non cooperativa que substitúe á de paraíso fiscal, de baixa ou nula tributación e de efectivo intercambio de información tributaria.

Así mesmo, establece que as referencias efectuadas na normativa a paraísos fiscais, a países ou territorios cos que non exista efectivo intercambio de información, ou de nula ou baixa tributación entenderanse efectuadas á definición de xurisdición non cooperativa da disposición adicional primeira desta Lei.

  • Os rendementos derivados da Débeda Pública, obtidos sen mediación de establecemento permanente en España.

  • As rendas derivadas de valores emitidos en España por persoas físicas ou entidades non residentes sen mediación de establecemento permanente, calquera que sexa o lugar de residencia das institucións financeiras que actuen como axentes de pagamento ou medien na emisión ou transmisión dos valores.

    Non obstante, cando o titular dos valores sexa un establecemento permanente en territorio español, as rendas a que se refire o parágrafo anterior quedarán suxeitas a este imposto e, se é o caso, ao sistema de retención a conta, que se practicará pola institución financeira residente que actúe como depositaria dos valores.

  • As rendas derivadas das transmisións de valores ou o reembolso de participacións en fondos de investimento realizado nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores españois, obtidas por persoas físicas ou entidades non residentes sen mediación de establecemento permanente en territorio español, que sexan residentes nun Estado que teña subscrito con España un convenio para evitar a dobre imposición con cláusula de intercambio de información.