Forma e procedemento
Explicámosche como incorporar a sucesión ou a representación legal a este Rexistro
Agás nos supostos en que a incorporación se efectúe de oficio, a incorporación da sucesión e da representación legal ao Rexistro esixirá que persoas sucesoras ou representantes legais, respectivamente, acheguen os documentos que, segundo a normativa civil ou mercantil, acrediten o falecemento e sucesión da persoa física, a extinción e sucesión da persoa xurídica ou entidade carente de personalidade xurídica a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, ou que acrediten a representación legal da persoa carente de capacidade de obrar. En particular, no caso de sucesión de persoas xurídicas ou entidades carentes de personalidade xurídica, deberá acreditarse a cancelación rexistral da persoa xurídica ou entidade carente de personalidade xurídica extinguida, en todos aqueles casos de inscrición obrigatoria.
Tamén deben cubrir o Anexo III da Resolución do 18 de maio de 2010 da Dirección Xeral da Axencia Estatal de Administración Tributaria, pola que se regula o rexistro e xestión de apoderamentos e o rexistro e xestión das sucesións e das representacións legais de menores e incapacitados, para a realización de trámites e actuacións por Internet ante a Axencia Tributaria, onde deberá constar obrigatoriamente a sinatura da persoa sucesora ou do representante legal da persoa carente de capacidade de obrar conforme a dereito.
A incorporación efectuarase de oficio cando a sucesión sexa advertida pola Administración tributaria mediante consulta nun rexistro, téñase coñecemento a través de calquera procedemento ou comunicación en relación coa aplicación dos tributos ou fose obtida como consecuencia da utilización das competencias dos artigos 93 e 94 da Lei 58/2003, Xeral Tributaria.