Estatística sobre a discapacidade nas declaracións do IRPF
Inclúese na serie de estatísticas tributarias unha publicación denominada “Estatística sobre a minusvalidez nas declaracións do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas”. O obxectivo da devandita estatística é coñecer as características persoais e familiares do conxunto de declarantes nas que, ou ben a persoa titular, ou ben algunha das persoas dependentes desta (ascendente, descendente ou cónxuxe) teñen algunha minusvalidez recoñecida que proporcione á persoa declarante a posibilidade de aplicar algunha das medidas contempladas na normativa do imposto para minorar a carga impositiva do colectivo afectado.
Para afondar no coñecemento das persoas con discapacidade e as súas circunstancias, na medida que as devanditas circunstancias se puxesen de manifesto nas declaracións de IRPF, contabilízanse as distintas situacións de discapacidade postas de relevo na declaración.Non obstante, este reconto non debe considerarse un censo de persoas con minusvalidez, porque faltarían as non declarantes de IRPF, as que non fixesen uso dos seus beneficios fiscais, así como todas as persoas residentes en País Vasco e Navarra que quedan fóra do ámbito territorial do imposto.
Respecto ao colectivo de persoas con minusvalidez, preséntanse as súas características demográficas principais, o xénero, a idade, tipo de dependencia (simple, simple con mobilidade reducida, cualificada) e a Comunidade Autónoma declarada pola persoa titular da declaración.
A distinta condición coa que se presentan as persoas con discapacidade na declaración de IRPF permitiu crear unhas categorías segundo os que sexan as persoas con discapacidade integradas na declaración:discapacidade no primeiro titular (declarante), nas declaracións conxuntas discapacidade no segundo titular ou en individuais con cónxuxe a cargo con discapacidade (cónxuxe), discapacidade nos descendentes, nos ascendentes ou en varias persoas de forma simultánea nunha declaración (múltiples situacións de discapacidade).Deste xeito, dende a perspectiva da declaración preséntanse as categorías de situacións de minusvalidez, a porcentaxe de minusvalidez, a relación de parentesco coa persoa titular principal da declaración, etc.
Adicionalmente preséntase un bloque de información destinado á integración do colectivo de estudo co total de declarantes do IRPF (obxecto de publicación noutra estatística).Neste sentido, a información proporcionada é común á que se presenta na estatística xeral.Non obstante, incorpora contidos adicionais, por exemplo, unha táboa coas medidas fiscais orientadas á protección do colectivo afectado e unha información sobre as rendas exentas percibidas polas persoas relacionadas na declaración, sexan titulares, descendentes ou ascendentes.
Próxima publicación: 20 de setembro de 2023 (Datos de 2021)