Novidades da campaña por modelo
Detallámosche os modelos que sufriron modificacións para esta campaña de declaracións informativas
Modelo 347
En relación con este modelo de Declaración anual de operacións con terceiras persoas, inclúese dentro no campo do NIF IVA o código XI:
O 29 de marzo de 2017, o Reino Unido notificou ao Consello Europeo a súa intención de retirarse da Unión Europea e da Comunidade Europea da Enerxía Atómica, de conformidade co artigo 50 do Tratado da Unión Europea.
O 14 de novembro os negociadores da Unión Europea e do Reino Unido alcanzaron un Acordo sobre a retirada do Reino Unido da Unión Europea (BREXIT).Tamén se elaborou unha Declaración Política que expoñía o marco das relacións futuras.
Conforme ao artigo 50 apartado 3 do Tratado da Unión Europea, os Tratados deixarán de aplicarse ao Estado que se retira a partir da data de entrada en vigor do Acordo de Retirada ou, no seu defecto, aos dous anos da notificación, salvo se o Consello Europeo, de acordo co devandito Estado, decide por unanimidade prorrogar o devandito prazo.
O Acordo de Retirada contemplaba un período transitorio ata o 31 de decembro de 2020, incluíndo un protocolo para Irlanda do Norte en virtude do cal, e exclusivamente para os bens as entregas e adquisicións con orixe ou destino en Irlanda do Norte, seguirán considerándose entregas intracomunitarias de bens ou adquisicións intracomunitarias de bens susceptibles de declaración a través da declaración recapitulativa de operacións intracomunitarias, modelo 349.
Para distinguir as operacións realizadas con Irlanda do Norte, o Reino Unido asignará aos empresarios que poidan acollerse ao protocolo de Irlanda do Norte un NIF IVA que comezará por XI.
O citado protocolo non inclúe os servizos nos que unha das partes estea establecida en Irlanda do Norte, polo que, dende 1 de xaneiro de 2021 deberán declararse, se é o caso, a través da Declaración anual de operacións con terceiras persoas.
Para facer posible a inclusión na Declaración anual de operacións con terceiras persoas daquelas operacións con empresarios ou profesionais cuxo NIF IVA comece por XI, pero que non estean incluídas no protocolo para Irlanda do Norte, introdúcense no modelo 347 as modificacións necesarias na codificación do NIF IVA.