Grecia Antigua
Grecia, organizada ao principio como múltiples Estados nun territorio accidentado e disperso, verá aparecer, porque terá necesidade dela , unha Facenda Pública elemental.
Na época das monarquías hereditarias, había unha nobreza poderosa, porque posuía a terra. E só podía ser cidadán o que contribuía con bens propios a determinados gastos públicos ou sociais. Ter ou non ter dereitos políticos dependía, por exemplo, de poder manter un cabalo de guerra.
Os gastos correntes do Estado íanse cubrindo cos produtos do patrimonio real e só por veces extraordinarias acudíase ás contribucións.
Levaban os gregos o comercio no sangue, talvez non tanto como os fenicios, pero, en calquera caso, gustaban de intercambiar o que lles sobraba por aquilo de que carecían. E estes intercambios entre as distintas cidades gregas favorecían unha saneada fonte de ingresos: as aduanas.
Sempre a propiedade, en especial a da terra, experimentou sobresaltos. Non ían ser menos os nobres terratenentes gregos. O arconte Solón, coas súas profundas reformas sociais, minguoúlles as súas facultades dominicais, suprimiu a escravitude por débedas, promoveu a pequena propiedade e creou uns impostos equitativos e xustos. Pero, por desgraza, estas medidas non tiveron efectos duradeiros.
Aos poucos, os cidadáns gregos sentiron que as rendas dos bens da Coroa non abondaban para atender todos os gastos colectivos. E eles querían para os seus actos de culto relixioso o máximo esplendor, para as festas a mellor música, para as súas rúas ou ágoras limpeza e embelecemento. Fixose necesario acudir aos impostos indirectos, isto é, aos que gravan os gastos e consumos familiares. A relación entre ingresos e gastos públicos aparecía por primeira vez na historia da Humanidade.