Grecia Clásica
Atenas encabeza a liga de Estados, que lle pagan unha cota anual para construír navíos e equipar soldados: o tesouro de Delos. Un home culto, intelixente e emprendedor vai conducir os destinos de Grecia: Pericles. A Pericles corresponde o mérito de protexer as ciencias e as artes, de realizar reformas exemplares e de rodearse de eficaces colaboradores. As terras recentemente conquistadas repártense entre os campesiños asalariados e dítanse disposicións para remediar a pobreza de amplos sectores da poboación.
O Tesouro é trasladado de Delos a Atenas. Pericles decide que non só ten que empregarse para fins militares, senón tamén para a construción de edificios públicos. O Partenón, canda os Propileos e o Erecteión, embelece a cidade, pero tamén mitiga o paro.
Ao mesmo tempo, o sentido comunitario dos atenienses fixo que o Tesouro Público fose unha especie de bolsa común para distribuír bens entre a vila. Os cidadáns acomodados que asistían aos xogos das festas oficiais debían dar dous óbolos para que os pobres puidesen gozar igualmente dos espectáculos. E cando isto non abondaba, repartíase o que sobraba cada ano do orzamento do Estado.
Estes repartos e os partenones que xorden en todas as acrópoles de Grecia, reducen os fondos públicos e deíxanos sen reservas para casos de necesidade ou para gastos de guerra. En tales ocasións non houbo máis remedio que establecer impostos directos, os que gravan a renda ou o patrimonio dos cidadáns.
É de notar que a democracia ateniense non concibía os impostos directos como os únicos equitativos, e así en épocas de paz recadaba impostos indirectos, como os que recaían sobre o mercado e o consumo. Os dereitos de aduanas nunca superaron o 2,5 por 100, o que permitiu a afluencia ao recentemente construído porto do Pireo de todos os produtos dos demais países.
Estas prestacións tributarias non libraban aos cidadáns podentes da obriga de financiar coros que participaban nas festas organizadas polo Estado, ou equipar e manter un navío de combate en tempos de guerra.
Ningún cidadán debía pasar fame ou miseria e o Estado pagaba médicos e profesores. Asignouse un soldo aos que exercían funcións públicas.