As monarquías absolutas
Os señores medievais fóronse dobrando aos poucos baixo a autoridade do rei que, cun exército máis poderoso, derrubou as súas fortalezas.
Fórmanse grandes nacións, unidas e sometidas á soberanía absoluta dun monarca. España enteira recoñece os Reis Católicos, Francia a Luis XI e Inglaterra a Enrique VII.
Estes reis e os seus sucesores esfórzanse por construír Estados fortes, para o cal xulgan imprescindible gobernar con man firme, en nome, iso si, do ben común. E en nome dese ben común e desa necesidade dun Estado forte, tratarán de lograr unha Facenda Pública con máis medios, cunha mellor organización e cun principio de autocontrol.
Non de todo acoradas as guerras no interior de cada nación, xorde o enfrontamento entre nacións por apetencias territoriais e conflitos de intereses económicos ou dinásticos. E manter un exército esixe considerables recursos financeiros, que a Facenda Pública obtén recadando tributos, non sempre equitativos.
Outros gastos públicos veñen motivados pola ampliación da Administración pública, o mantemento e boato do corte, o aumento da poboación e o crecemento das cidades. Ao mesmo tempo, xorden os homes de negocios e as actividades artesanais e comerciais experimentan un substancial incremento.
Nesta situación a Facenda Pública necesita contar cunha extensa organización burocrática para cobrar os impostos, para contraer débedas cando os gastos superan aos ingresos, para administrar os recursos públicos, para examinar e vixiar a actuación dos seus recadadores e pagadores.
Para facer fronte aos gastos colectivos non abondan os impostos directos, que se reducían case exclusivamente aos que gravaban aos propietarios de terras. Hai que multiplicar os impostos indirectos, que recaen sobre toda clase de artigos e produtos de consumo.
Implántase o imposto do “papel selado”, que gravaba todos os documentos oficiais. Del será herdeiro o Imposto de Timbre do Estado, que durante tantos anos proporcionou importantes ingresos ao Tesouro Público, e aínda hoxe en día perduran figuras tributarias moi semellantes.
Prohíbese a fabricación e / ou a venda do sal, o chumbo, o tabaco, etcétera, polos particulares, e constitúense os correspondentes monopolios fiscais coas conseguintes rendas para a Facenda Pública. Entre estas rendas chamadas “estancadas”, está a da lotaría.
Outros gravames creábanse atendendo propostas de chamádosos “arbitristas”: persoas que inventaban solucións desatinadas para arranxar a situación da Facenda Pública.
Tamén xurdiron tributos que viñan a substituír – en diñeiro - as antigas obrigas – en especie - dos nobres ou señores feudais, como a de preparar, manter e avituallar tropa armada. Pero a maioría das exaccións eran de carácter indirecto, pois recaían sobre o consumo das persoas que entón era de artigos de primeira necesidade.