Saltar ao contido principal
Desde cando hai impostos?
Procesando...

Roma

O destino de Roma como conquistadora e gobernadora de vilas determinará algúns dos trazos máis característicos e constantes da súa Facenda Pública. Así, o arrendamento das terras de dominio público achegadas polas vitorias das lexións representará unha importante fonte de recursos.

Ata aquí a Facenda Pública de Roma era eminentemente patrimonial, pois as rendas dos seus bens constituían a principal fonte dos seus ingresos. Ideal en poucas ocasións acadado ao longo da Historia, porque o patrimonio público, o patrimonio de todos, non ten a importancia que sería necesaria para atender as necesidades colectivas cos seus produtos. Por iso, sempre houbo que acudir aos tributos.

Non menos substanciosos para as arcas do Estado eran os botíns arrebatados aos vencidos e os tributos que estes debían pagar a Roma.

Durante a etapa republicana, polo xeral, o cidadán romano non pagaba impostos directos. Pero con ocasión de guerras tiña que realizar determinadas prestacións monetarias que tiñan o carácter de préstamos forzosos, pois eran reembolsadas coas ganancias das propias guerras.

No goberno republicano, o rei fora substituído por dous cónsules, que exercían o poder civil e militar. Xunto a eles, os pretores administraban xustiza e os cuestores organizaban a Facenda. Clasificábase os contribuíntes segundo a importancia dos seus patrimonios, gañados, industrias..., pero na maioría dos casos impúñanse as cargas en cantidades iguais por cabeza (capitación).

Ao longo do tempo, foron moitos os tributos que estableceu Roma. Sobre as cidades pesou un imposto territorial que se repartía en proporción ao valor dos bens inmobles. Certas provincias recadaban os décimos ou décimas partes dos froitos da terra e enviaban o seu importe á capital do Imperio.

Nas vías romanas cobrábanse portazgos – dereitos para entrar nas cidades - e pontazgos – dereitos para pasar polas pontes-. Esixiuse un gravame sobre as herdanzas entre parentes afastados. Cobráronse taxas sobre o prezo de venda dos escravos e por darlles a liberdade. Impostos sobre as roupas das elegantes romanas e sobre obxectos mobles.

Arrendábase a recadación dos tributos e os recadadores facían pingües negocios. Na época do Imperio chegouse a explotar con impostos ás provincias e cidades, que a miúdo non podían pagar. Octavio, Marco Aurelio e Adriano, tiveron que perdoar repetidas veces estas obrigas tributarias.