Clases de impostos
Son diversas as clasificacións que poden facerse dos impostos, pero a máis coñecida e utilizada é a que distingue entre impostos directos e impostos indirectos. Son impostos directos os que se aplican sobre unha manifestación directa ou inmediata da capacidade económica: a posesión dun patrimonio ou a obtención dunha renda. Son impostos indirectos, pola contra, os que se aplican sobre unha manifestación indirecta ou mediata da capacidade económica: a circulación da riqueza, ben por actos de consumo ou ben por actos de transmisión. En definitiva, os impostos directos gravan a riqueza en si mesma, mentres que os indirectos gravan a utilización desa riqueza.
Seguindo esta clasificación, os principais impostos actualmente existentes en España son os seguintes:
-
Impostos directos
-
Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (Lei 35/2006 do 28 de novembro e Real decreto 439 / 2007 do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento). Este imposto estúdase nun apartado específico.
-
Imposto sobre a Renda de non Residentes (Real decreto Lexislativo 5/2004, do 5 de marzo e Real decreto 1776/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento). Este imposto recae sobre a renda obtida en España por persoas que non viven en España.
-
Imposto sobre Sociedades (Lei 27/2014, do 27 de novembro e Real decreto 634/2015, do 10 de xullo, polo que se aproba o Regulamento). Este imposto recae sobre o beneficio que obteñen da súa actividade as empresas (sociedades). Concretamente, aplícase sobre o beneficio neto, é dicir, que dos ingresos que obtén cada empresa réstanse os gastos que foron necesarios para a súa obtención.
-
Imposto sobre Sucesións e Doazóns (Lei 29/1987, do 18 de decembro, e Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, polo que se aproba o Regulamento). O imposto sobre Sucesións e Doazóns págase polas persoas físicas cando reciben diñeiro ou outros bens de forma gratuíta, é dicir, sen que se trate dunha contraprestación por un traballo ou servizo que realizasen ou por un diñeiro ou unha cousa que entregasen a cambio. Inclúense aquí tanto os casos en que o que se recibe é unha herdanza ou legado dunha persoa falecida (adquisicións “mortis causa ”) como os casos en que o que se recibe é unha doazón efectuada por unha persoa viva (adquisicións “inter vivo ”). Este imposto está cedido ás Comunidades Autónomas.
-
Imposto sobre o Patrimonio (Lei 19/1991, do 6 de xuño ). Este imposto recae sobre o patrimonio neto dunha persoa física, é dicir, o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexa titular, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais de que deba responder. Non obstante, hai bens que, porén, están exentos do Imposto sobre o Patrimonio, como é o caso da vivenda habitual da persoa e o seu enxoval doméstico. O imposto está cedido ás Comunidades Autónomas.
-
-
Impostos indirectos
-
Imposto sobre o Valor Engadido (Lei 37/1992, do 28 de decembro, e Real decreto 1624/1992, do 29 de decembro ). Este imposto estúdase nun apartado específico.
-
Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (Real decreto Lexislativo 1/1993, do 24 de setembro e Real decreto 828/1995, do 29 de maio ). Este imposto ten un ámbito de aplicación moi amplo e subdivídese en varias modalidades. Moi resumidamente, pode dicirse que se aplica ás transmisións (compravendas) de todo tipo de bens e dereitos, a determinadas operacións que realizan as empresas e a actos que se teñen que documentar oficialmente (escritura dunha casa e outros documentos notariais). A persoa que ten que pagar o imposto é o adquirente (comprador), non o que transmite o ben ou dereito (vendedor). É un imposto cedido ás Comunidades Autónomas.
-
Operacións de comercio exterior e Aduanas (Regulamento (UE) 952/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de outubro de 2013, polo que se aproba o Código Aduaneiro da Unión). Estúdase na guía didáctica dedicada ás Aduanas.
-
Impostos Especiais e Ambientais (Lei 38/1992, do 28 de decembro e Real decreto 1165/1995, do 7 de xullo ). Estes impostos soamente páganos as persoas que compran ou consumen determinados bens, como alcohol e bebidas alcohólicas, hidrocarburos, tabaco ou gases fluorados de efecto invernadoiro, que matriculan un medio de transporte, ou que producen determinados bens, como o combustible nuclear gastado e residuos radioactivos.
A súa razón de ser, ademais da súa gran capacidade recadadora, reside na consideración de que o consumo deses bens xera custos sociais ou ambientais. Pensemos nos custos sanitarios por abuso do alcohol ou do tabaco e na contaminación atmosférica dos coches, do uso dos hidrocarburos en xeral ou dos gases.
-
Ademais dos anteriores, hai que ter en conta a existencia de impostos locais, que se esixen polos Concellos ou Deputacións Provinciais. Os máis importantes son o Imposto sobre Bens Inmobles, o Imposto sobre Actividades Económicas, e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica. As Comunidades Autónomas teñen así mesmo capacidade para establecer impostos e outros tributos.