Individualización do IRPF
Este imposto caracterízase porque ten en conta as circunstancias persoais e familiares dos cidadáns para coñecer a súa verdadeira capacidade económica. Outro trazo importante é que se trata dun imposto progresivo, xa que a porcentaxe (tipo de gravame) que se aplica para determinar a cantidade que cada un debe pagar varía en forma máis que proporcional á variación da renda que se grava (base impoñible).
A personalización do imposto conséguese non só a través da progresividade, senón tamén mediante o establecemento de exencións, reducións e deducións:
-
Algúns rendementos que engloban o concepto de renda redúcense inicialmente, atendendo a determinadas circunstancias que se queren favorecer; así no caso dos rendementos do traballo a redución vaise incrementando canto menores son os rendementos, é dicir, as persoas que gañan menos se reducen unha cantidade maior (artigo 20). Ademais, hai outras reducións que se aplican en principio sobre a base impoñible xeral (rendas xerais menos gastos deducibles), reguladas nos artigos 51 a 55. Unha vez aplicadas as precitadas reducións haberase determinado a base liquidable (renda xeral e do aforro).
-
Establecemento dun mínimo persoal e familiar (artigos 56 a 61 da Lei) que ten por obxecto principal axeitar o imposto ás circunstancias persoais e familiares do contribuínte. O mínimo persoal será máis elevado para os contribuíntes maiores de 65 anos, incrementandose aínda máis para os maiores de 75 anos. O mínimo familiar aumentará en función do número de fillos e ascendentes (pais e avós) que convivan co contribuínte. Ademais, a discapacidade do propio contribuínte ou dos fillos e ascendentes que dependan del incrementará o mínimo familiar.
O mínimo persoal e familiar intégrase como un tramo cero na base liquidable (en principio a xeral), aplicandose á totalidade da base liquidable a tarifa progresiva do imposto (áchase a cota correspondente a toda a base liquidable, restando a que corresponda ao mínimo persoal e familiar), resultando unha porcentaxe máis alto canto maior sexa a cantidade; do resultado réstanse as deducións establecidas nos artigos 68, 80 e 81 da Lei, entre as que podemos destacar as seguintes:
-
Dedución por maternidade: para as mulleres que traballen fóra de casa con fillos menores de tres anos. Esta dedución pódese solicitar á Axencia Tributaria de forma anticipada, cobrandoa mes a mes.
-
Por familia numerosa ou con persoas con discapacidade a cargo. Existen diversas situacións que dan lugar á percepción dunha cantidade anual de 1.200 euros.
-
Por donativos a determinadas fundacións ou por investimentos e gastos en bens de interese cultural.