Saltar ao contido principal
Que impostos hai?

Exencións e tipos

No IVE existen exencións, é dicir, operacións en que non xorde o deber de tributar (artigos 20 e seguintes da Lei). É o caso da hospitalización e asistencia sanitaria pública, as prestacións realizadas por dentistas, os servizos públicos de asistencia social, a educación da infancia e mocidade por entidades públicas ou privadas autorizadas...

Hai un tipo impositivo xeral do 21 %(artigo 90 da Lei), pero existen outros dous reducidos do 10 %e do 4 %(artigo 91) que se aplican a determinados bens ou servizos de uso xeral ou considerado de primeira necesidade. Así, o 10% aplícase, entre outros, aos alimentos en xeral, as vivendas, servizos de hostalaría, lentes e lentes de contacto, transportes de viaxeiros e equipaxes. Pola súa banda, o 4% aplícase ao pan, leite, ovos, froitas, verduras, hortalizas, cereais, queixos, libros, xornais, medicinas, coches de persoas con discapacidade, etc.

O IVE caracterízase pola súa neutralidade, xeneralidade e transparencia, así como pola súa gran capacidade recadadora. Certamente, desde o punto de vista redistributivo, o imposto non atende ás circunstancias persoais dos contribuíntes e o seu tipo proporcional grava por igual a todos os consumidores, pero este fenómeno pode compensarse mediante un axeitado nivel de provisión pública de bens e servizos así como a través dunha diferenciación de tipos de gravame que reduzan a carga fiscal sobre os produtos de primeira necesidade, sometendo os artigos de luxo a unha cota maior que a normal.