Tributos e impostos
Os ingresos públicos que fan falta para poder pagar as necesidades comúns e os servizos públicos de que todos beneficiámosnos (colexios, hospitais, estradas...), fundamentalmente conséguense mediante o pagamento de impostos que realizamos os cidadáns de acordo coas leis do noso país.
Un imposto é unha cantidade de diñeiro que deben pagar obrigatoriamente os cidadáns para que as Administracións Públicas poidan atender os gastos públicos de todos.
Os impostos non son unha cantidade fixa igual para todos os cidadáns, pois isto sería inxusto, xa que non todas as persoas teñen o mesmo diñeiro. Por iso, pagan máis impostos os que teñen máis ou gañan máis e pagan menos impostos os que menos diñeiro teñen. Isto chámase “capacidade económica”. A capacidade económica das persoas pódese saber a través das cousas que teñen, é dicir, da súa riqueza (patrimonio), a través do diñeiro que gañan (renda) ou a través do que gastan comprando (consumo). Por iso, existen varios tipos de impostos, para cada unha desas manifestacións do que chamamos “capacidade económica” das persoas.
Hai dúas clases de impostos:
-
Os directos, que son os impostos que permiten que quen teñen máis ou gañan máis diñeiro paguen cantidades maiores que quen teñen menos e reciben uns ingresos inferiores. Un dos impostos directos, o máis coñecido, é o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), que pagan as persoas segundo o diñeiro que gañan, é dicir, do soldo que cobran, dos beneficios que ten un médico ou unha avogada ou un fontaneiro ou unha taxista... Hai outros impostos directos, como o que pagan as empresas (Imposto de Sociedades) ou o que pagan as persoas que reciben unha herdanza de alguén que faleceu (Imposto de Sucesións).
-
Os indirectos, que son os que todo o mundo ten que pagar por igual cando fai unha mesma compra, gáñese ou téñase máis ou menos diñeiro. O máis coñecido é o IVE, que se paga cada vez que compramos algo, por exemplo, unha camiseta, un bolígrafo, un caderno ou un refresco. Todos pagamos o mesmo cando compramos as mesmas cousas, sen que importe se temos máis ou menos diñeiro. Hai outros impostos indirectos, como os que se pagan cando se pon gasolina ao coche ou ao comprar tabaco ou bebidas alcohólicas (Impostos Especiais) ou cando compramos uns piso para vivir.
Tamén hai outras cantidades (chamadas taxas) que temos que pagar para gozar de servizos que son importantes para a nosa vida, por exemplo, para que se leven o lixo ou para que teñamos auga potable na casa.
Por último, como todos sabedes, en España, ademais do Estado, existen as Comunidades Autónomas, as Provincias e os Concellos; pois ben, de acordo con iso, non só hai impostos do Estado senón tamén destoutras outras Administracións Públicas.