Exposición do profesor
Na Europa actual non existen obstáculos para que as cousas poidan ir libremente dun país a outro, se é que o seu traslado se produce a través do territorio dos Estados que pertencen á Unión Europea.
Pódese transportar unha mercadoría desde, por exemplo, Portugal a Francia pasando por España, sen que ningún destes tres países poida limitar este desprazamento.
Todos os bens e persoas dentro do territorio da Unión Europea poden ir dun Estado a outro sen ter que pagar nada por pasar dun país a outro. É unha das consecuencias da existencia, desde 1993, do Mercado Único Europeo. Este Mercado Único, garante as 4 liberdades básicas dentro da UE: libre circulación de mercadorías, persoas, servizos e capitais.
Outra consecuencia, complementaria da anterior e que vén a ser como a outra cara da mesma moeda, é que a entrada ou saída de produtos desde ou cara aos países alleos á Unión Europea terá sempre que seguir os mesmos trámites, calquera que sexa o Estado da Unión que reciba ou envíe estes produtos.
Existe, polo tanto, unha soa fronteira entre a Unión Europea e o resto do mundo, o que supón un sistema único para que as mercadorías se trasladen entre os Estados membros da Unión Europea e os restantes países.
As aduanas son os lugares onde se levan a cabo as operacións para autorizar que as mercadorías poidan intercambiarse entre un país da Unión Europea e outro de fóra dela .
Nas aduanas preséntase a documentación declarando as cousas que se van a importar (cando se introducen no territorio da Unión Europea) ou a exportar (cando se envían a países que non son da Unión Europea).
Nelas deposítanse as mercadorías, que son revisadas polas autoridades aduaneiras para controlar que estean de acordo co que se declarou e non teñan ningún problema.
É o momento en que debe procederse ao pagamento por exportar ou importar os artigos de que se trate.
Unha vez concluídas todas estas operacións autorízase a trasladar os artigos dentro da Unión Europea (no caso das importacións) ou a que saian a outros países (nas exportacións).
O contrabando prodúcese cando se saltan todos estes controis para o intercambio de mercadorías.
Isto pode ocorrer porque se trate de substancias ou artigos de uso prohibido, como é o caso das drogas ou armas. Nas drogas ou estupefacientes é o que se coñece por narcotráfico.
Tamén hai contrabando cando se pretende entrar ou sacar dun país sen permiso, bens que están especialmente protexidos, por exemplo, obras de arte ou animais e plantas en vías de extinción.
As autoridades aduaneiras tamén vixían que non entren pola Aduana falsificacións de marca (xoguetes falsificados, bolsos falsificados, etc.) ou mercadorías pirateadas (como programas de ordenador, etc.)