Os ingresos públicos: os impostos
Unha parte das necesidades que experimentan as persoas pode satisfacerse de forma individual cos propios recursos. Pero hai outras necesidades cuxa satisfacción individualizada non resulta posible, senón que é preciso atenderas de forma colectiva, unindo esforzos mediante a achega por cada un dunha porción dos seus ingresos. Esa achega faise fundamentalmente mediante o pagamento de impostos, co fin de constituír o que poderiamos denominar un fondo común co que cubrir o custo dos bens e servizos públicos, é dicir, os que se dirixen a satisfacer esas necesidades que cada persoa non pode cubrir por si soa.
Os impostos poderían, polo tanto, definirse, nunha primeira aproximación, como aquelas cantidades de diñeiro que os cidadáns están obrigados por lei a pagar para que as Administracións Públicas (o Estado, as Comunidades Autónomas, os Municipios) dispoñan dos recursos suficientes cos que financiar a satisfacción das necesidades públicas, é dicir, a provisión dos bens e servizos públicos.