Saltar ao contido principal
Para que son os impostos?

Exposición de profesor

Un grupo de amigos vai de noite ao polideportivo da súa vila ou da súa cidade a adestrar. Logo irán nadar.

Mañá teñen que acudir á biblioteca municipal, despois de saír de clase, para facer un traballo e, se lles queda tempo, irán ao parque a xogar. O domingo, despois do partido de baloncesto que teñen no colexio, queren visitar un compañeiro que acaba de saír do hospital en que lle operaron dunha lesión no xeonllo.

Mentres van polas rúas, pasan ao lado dos farois, dos colectores de lixos, dos semáforos, dos bancos, dos xardíns, do edificio de bombeiros e do da Policía.

Todo transcorre tal como o tiñan planificado, agás a visita ao compañeiro operado, que non poden facer porque na rúa en que vive non hai luz.

Uns falcatrueiros romperon os farois e non se ve nada. Entón, un deles pensa no problema que suporía a falta de iluminación pública, ou se non houbese auga nas casas, se non houbese servizo de recollida do lixo, se non houbese hospitais públicos nin institutos nin bibliotecas nin polideportivos nin parques. Outro di que hai máis gastos públicos, ademais de que enumerou o seu amigo, e sinala os que son necesarios para o sostemento das Forzas Armadas, a Policía, a Administración de Xustiza ou o coidado do medio natural e a protección da natureza. E outro pensa que danar os xardíns, os farois, os colectores e calquera mobiliario público supón un prexuízo para todos, que teremos que pagar entre todos.

O grupo fala sobre o tema e decátase, por primeira vez, de que os bens e servizos públicos son de interese tamén para eles. Ademais, comentan a importancia que ten a educación, xa que canto mellor sexa esta haberá menos actos incívicos e, por conseguinte, menores serán os gastos dedicados a arranxar estragos.

Para o compañeiro lesionado no xeonllo sería un problema que non existise un hospital público e persoal sanitario cualificado á súa disposición e, ademais, gratis. A súa nai gana moi pouco e o seu pai non ten traballo, pero a operación non lle custou diñeiro porque en España hai unha sanidade pública gratuíta para todos os cidadáns. Para que a este amigo a operación non lle custase nada, o conxunto dos cidadáns (tamén el e a súa familia) temos que achegar unhas cantidades de diñeiro, fundamentalmente mediante os impostos, que constitúen un gran fondo (ingresos públicos) co que pagar os gastos públicos que as persoas facemos.

Por iso, é importante que todos paguemos as cantidades (impostos) que determinan as leis, porque canto mellor cumpramos coas nosas obrigas como cidadáns, mellores servizos públicos teremos e mellor será a nosa forma de vida.

Os impostos, polo tanto, son unhas cantidades de diñeiro que teñen que pagar os cidadáns, obrigados por lei, para que o Estado, as Comunidades Autónomas e os Concellos dispoñan dos recursos suficientes cos que pagar os gastos públicos.

O Estado organízase territorialmente en municipios, en provincias e en Comunidades Autónomas.

Todas estas entidades gozan, segundo a Constitución, de autonomía para a xestión dos seus respectivos intereses. E todas contan cos seus propios orzamentos. Así, corresponde ao Goberno a elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado e ás Cortes Xerais o seu exame e aprobación. Aos gobernos das Comunidades Autónomas tamén lles corresponde a elaboración dos seus respectivos orzamentos e ás súas Asembleas Lexislativas a aprobación dos mesmos. Os equipos de goberno dos Concellos igualmente fan uns orzamentos, neste caso locais, que se deben aprobar pola maioría da corporación municipal nos correspondentes plenos.

A Lei que aproba os Orzamentos Xerais do Estado é probablemente a lei máis importante dun país. O Parlamento, que en España chámase Cortes Xerais, pode modificar o seu contido e incluso devolver o proxecto ao Goberno cando se somete á súa aprobación.

O debate anual sobre os Orzamentos leva a analizar asuntos de gran importancia, como modificacións de impostos; revisión das pensións e dos salarios dos funcionarios; aprobación de grandes proxectos de investimento previsto: estradas, autoestradas, ferrocarrís, aeroportos; ou autorización de operacións de endebedamento, que o Goberno preciso realizar para cubrir aqueles gastos que non poderán ser atendidos cos ingresos tributarios correntes.

Polo tanto, os Orzamentos Xerais do Estado, que teñen carácter anual, inclúen a totalidade dos gastos e ingresos do sector público estatal. O Goberno deberá presentaros ante o Congreso dos Deputados polo menos tres meses antes de que finalicen os do ano anterior. Se non puidesen aprobarse antes de que comece o seguinte exercicio, consideraranse prorrogados automaticamente.