Saltar ao contido principal
Quen paga os impostos?

A capacidade económica e as súas manifestacións

A capacidade económica configúrase, deste xeito, como o criterio preferente de xustiza no reparto das cargas económicas necesarias para facer fronte ás necesidades públicas e, polo tanto, é o principal criterio que rexe o sistema tributario español. A capacidade económica de cada cidadán maniféstase de distintas formas, ben a través da riqueza que posúe, ben a través dos ingresos que obtén, ou ben a través dos distintos tipos de consumo que fai.

Considérase que a posesión do patrimonio, a obtención de rendas, a adquisición dunha herdanza ou unha doazón, a compra de mercadorías son feitos representativos de capacidade económica, tamén chamada "capacidade contributiva", porque, en función dela , realizan os contribuíntes as súas achegas tributarias á Facenda Pública. É dicir, é o diñeiro que se ten, ou que se demostra que se ten a xulgar polas cousas que unha persoa compra ou posúe.

Por iso, a capacidade económica é un indicador da capacidade contributiva, porque demostra o que un cidadán pode e debe pagar en concepto de impostos. O que ten maior capacidade económica, ten maior capacidade contributiva e, por iso, ten que pagar máis en concepto de impostos, cos límites estipulados para evitar que os tributos sexan tan altos que teñan alcance confiscatorio.