A fraude en gastos e ingresos
O cumprimento fiscal é unha cuestión de cidadanía. Os efectos do incumprimento, é dicir da fraude fiscal, prexudican todos os cidadáns, pero especialmente a aqueles que asumen as súas responsabilidades cidadás e cumpren correctamente as súas obrigas tributarias. A fraude fiscal é un fenómeno complexo baseado nunha mentalidade de dereitos adquiridos sen ningunha contrapartida desde a vertente das responsabilidades. É, en definitiva, un problema de socialización desaxeitada nos valores éticos de xustiza e solidariedade.
O cumprimento fiscal non se esgota no correcto cumprimento das obrigas tributarias. O termo fiscal inclúe as dúas vertentes do orzamento público: a dos ingresos e a dos gastos públicos. Por iso, tamén pola vía do gasto público pode haber fraude, que é o que se comete cando se abusa dos bens e servizos públicos, ou cando se utilizan mal ou estráganse. Esa falta de respecto ao que é público, pago co esforzo colectivo e posto a disposición de todos para o beneficio común, é tamén un problema de cidadanía; supón tanto unha inxustiza coma unha mostra de insolidariedade.