Os dereitos e as responsabilidades dos cidadáns
Vivir en comunidade, vivir en grupo, ten moitas vantaxes, pero tamén significa asumir responsabilidades. Quen vive en grupo benefíciase do que achegan os demais, pero tamén ten que achegar seu parte ao resto da colectividade. É dicir, vivir en comunidade significa dereitos e vantaxes, pero tamén asumir as nosas responsabilidades para cos demais. Como exemplo, podemos pensar nas casas grandes en que todos adoitamos vivir.
Pois ben, o Estado é como unha gran casa e quen viven nela son os cidadáns. Por iso, todos os cidadáns que viven nese Fogar Público, nese Estado, teñen que pagar entre todos os gastos comúns. É dicir, que todos teñen que pagar os impostos para que o Estado, que inclúe as Comunidades autónomas e os Concellos, poida proporcionar os bens e servizos públicos que son para todos e que todos poden utilizar.
Nunha casa, hai piso grandes e piso pequenos e, polo tanto, non pagan a mesma cantidade para cubrir os gastos comúns os propietarios de pisos de diferente tamaño. O mesmo pasa no Fogar Público, no Estado, onde hai cidadáns que teñen máis diñeiro e que, polo tanto, pagan máis impostos que outros cidadáns que teñen menos diñeiro e que, polo tanto, pagan menos impostos.
Isto acontece porque, se todos pagasen o mesmo, como son máis as persoas que teñen pouco diñeiro que as que teñen moito, o Estado (incluídas as Comunidades Autónomas e os Concellos) tería escasos recursos económicos e podería proporcionar menos bens e servizos públicos. Entón habería mozos que non poderían ir ao instituto porque os seus pais non poderían pagaro, ou xente que non podería ir ao médico nin aos hospitais por non ter diñeiro suficiente, ou habería persoas maiores que terían que depender dos seus fillos ou dos seus netos para poder vivir porque non existirían as pensións. Tamén habería persoas que non poderían viaxar cando quixesen porque non habería bos transportes públicos; ou que, aínda que tivesen coche, tardarían moito en chegar aos sitios por carecer de boas estradas. Tamén habería problemas para recoller e reciclar os lixos, para ter auga nas casas para beber, ducharse e lavar a roupa, ou podería haber graves consecuencias se ocorrese un incendio por non ter bombeiros.
Para que as administracións públicas (tanto a central coma a autonómica e o local) poidan proporcionar os servizos públicos necesarios para que todos vivan o mellor posible, págase distinta cantidade de impostos segundo o diñeiro que se teña e segundo as obrigas persoais e familiares de cada persoa. Por exemplo, non pagan o mesmo quen gañan soldos moi altos que quen gañan soldos máis baixos; tampouco pagan o mesmo as persoas que viven soas que as que viven en familia; nin pagan o mesmo as familias que teñen fillos, ou que teñen que facerse cargo de persoas maiores ou de discapacitados, que aqueloutras que non teñen este tipo de responsabilidades
É dicir, que todos os cidadáns teñen que pagar os impostos ao Estado, ás Comunidades Autónomas e aos Concellos. Isto é xustiza, que significa que, como todos os cidadáns teñen os mesmos dereitos, todos teñen as mesmas obrigas, entre elas, contribuír aos gastos comúns pagando os impostos. Pero os impostos non son unha cota fixa, igual para todos. Segundo sexa a situación económica e familiar dos cidadáns, así é a cantidade que teñen que pagar por impostos. Isto é equidade, que significa tratar de maneira diferente as situacións que son diferentes.
Os impostos tamén serven para que non haxa xente que careza das cousas máis necesarias porque non teña diñeiro. Isto é a redistribución. Co diñeiro dos impostos, a Administración central, a autonómica e o local proporcionan os bens e servizos públicos máis básicos e necesarios para todos os cidadáns. Se uns contribuíron con máis cantidade de impostos que outros, porque teñen maior capacidade económica, puxeron en práctica o valor da solidariedade, que é fundamental para vivir en sociedade.