Introdución
A Estatística dos declarantes de IRPF está baseada na declaración anual do modelo de declaración D-100 do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas que presentan todos aqueles contribuíntes no Territorio de Réxime Fiscal Común.
O Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas é un imposto con gran transcendencia económica tratandose, ademais, dun dos impostos con maior importancia recadadora nos ingresos non financeiros do Estado, e de gran relevancia tamén para as finanzas autonómicas.
A estatística contén un bloque adicional de táboas que presenta unha perspectiva de xénero nas variables principais do imposto, así como un grupo de táboas que recolle as medias máis relevantes por xénero e tipo de declaración da situación familiar dos declarantes do imposto.
Ademais, incorpórase a perspectiva do declarante, presentando a información esencial coa debida separación da correspondente ao titular e ao cónxuxe no colectivo de declaracións conxuntas. Esta nova achega permite dispor dunha primeira aproximación á renda persoal, no concepto de renda bruta suxeita.
A partir do ano 2019 preséntanse dous bloques novos de información:
- Ganancias e perdas patrimoniais: permite coñecer a información do bloque de Ganancias e Perdas patrimoniais do modelo, cuxo tratamento estatístico non se realizara ata o momento, desde dúas perspectivas: unha perspectiva baseada nas partidas da declaración e outra, máis detallada, por tipo de operación e de activo no total do territorio de aplicación do imposto.
- Vivendas: a partir da información completa do apartado de Bens Inmobles do modelo e en relación aos inmobles que son vivendas (exclusivamente uso residencial), preséntase información do número de vivendas, número de vivendas equivalentes (cómputo das vivendas afectado polas porcentaxes de titularidade (*) e gozo (*) do uso do inmoble) e importe das principais variables económicas conectadas a este tipo de activo, por diferentes criterios de clasificación como son os usos da vivenda, CA do declarante e CA de situación da vivenda. Así mesmo, preséntase un maior detalle daquelas vivendas con parte arrendada. Este bloque pasa en 2023 a ser unha estatística independente que completa a Estatística dos declarantes do IRPF e polo tanto publícase á parte.
(*) % titularidade = % de propiedade ou % usufruto; % gozo = número de días no ano