Introdución
Introdución
A estatística "Resultados económicos e tributarios no IVE 2019" é unha investigación de carácter censual baseada na información que subministran os axentes económicos suxeitos ao Imposto sobre o Valor Engadido a través da declaración Resumo Anual de IVE (modelo 390), así como das declaracións periódicas, modelos 303 e 322.
O Real decreto 596/2016 do 2 de decembro implementa unha obriga para os declarantes de periodicidade mensual do Imposto sobre o Valor Engadido que consiste na leva dos libros rexistro de facturas a través da Sede electrónica da Axencia Tributaria. Este novo sistema de xestión denomínase "Subministración Inmediata de Información" (SII). A entrada en vigor do Real decreto o 1 de xullo de 2017 supuxo a eliminación da obriga de presentar o modelo 340 e o modelo 390, e por iso para a elaboración desta estatística, a partir do exercicio 2017, incorpórase unha pseudodeclaración do modelo 390 para suxeitos acollidos ao SII , ademais de que xa se viña realizando para os suxeitos exonerados, utilizando distintas fontes de datos (véxase "Nota explicativa dos cambios metodolóxicos do 2017).
Os datos do resumo-anual, que se presentan sen distinción da súa orixe (modelo 390 ou agregamento de declaracións periódicas), proporcionan información sobre os principais compoñentes das variables económicas a analizar tales como as vendas, compras, investimento e comercio exterior; así como das variables tributarias que determinan o saldo de IVE por declaración e os principais parámetros tributarios do imposto: tipos medios de vendas e de compras, pro ratas, etc.; variables, todas elas, que no seu conxunto explican a recadación do imposto.
O valor individual das declaracións de IVE, que conteñen información detallada das operacións económicas realizadas polos empresarios, convértese mediante o seu agregamento e axeitada clasificación estatística nunha ferramenta de análise da economía e da recadación do imposto para o que resulta especialmente útil a información presentada en táboas evolutivas.
A estatística "Resultados económicos e tributarios no IVE "está baseado en catro fontes tributarias distintas: as declaracións resumo-anual correspondentes aos suxeitos pasivos do Imposto sobre o Valor Engadido (modelo 390), as declaracións-liquidacións periódicas (modelos 303 e 322) daqueles empresarios exonerados de presentar o resumo-anual, as declaracións correspondentes ás operacións asimiladas á importación (modelo 380) e as declaracións aduaneiras correspondentes ás importacións de bens e a liquidación do imposto contido nos DUA (Documento Único Administrativo). Para garantir o tratamento integrado da información inclúense, dunha parte, as cotas reportadas por "Operacións asimiladas á importación "e por "Importacións" e, doutra , as deducións por "Operacións asimiladas á importación ", outorgando a ambas as dúas operacións o mesmo tratamento na liquidación do modelo 390 que o que se outorga ás cotas reportadas e deducidas por "Adquisicións intracomunitarias". Con estas consideracións, procédese a recalcular cada liquidación do modelo 390, completando os cálculos cos datos referidos se é o caso.
Agora ben, existen aspectos especificos que permitirán utilizar esta publicación como ferramenta ao servizo da análise recadadora:
- Construción do concepto de recadación do período como sumatorio de varios compoñentes definidos todos eles como produto entre unha variable económica e o seu tipo medio ponderado de gravame.
- Definición dunha conta de configuración da recadación do imposto en que, ademais dos compoñentes da recadación, defínense como variables de análise uns saldos recadadores que van incorporando, paso a paso, os efectos dos distintos aspectos normativos do imposto.
- Implantación de dous novos criterios de clasificación ou agrupación de declarantes:
- CLASE: cuxo obxectivo é illar o grupo de declarantes cuxo comportamento ante o imposto sexa o máis xeral, é dicir, o que non sexa afectado por ningunha especialidade normativa que distorsione a súa liquidación. Esta clase denominouse de "Dedución Xeral" e distínguese daqueles declarantes en "Réxime simplificado", daqueles obrigados a repercutir tipos de IVE inferiores aos soportados e daqueles que realizan actividades sometidas a réximes especiais de dedución.
- COLECTIVO: cuxo obxectivo é agrupar os declarantes segundo a causa que orixina o signo da súa recadación do período, desta maneira diferéncianse aqueles que xeran un saldo positivo de que obteñen un saldo negativo. Neste último caso distinguirase se a súa causa é a realización de actividade exterior, investimentos ou consecuencia da súa actividade.
O IVE é a segunda fonte de ingresos non financeiros do Estado por detrás do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, de aí que se faga fincapé na achega á análise recadadora que ofrece esta publicación.
Esta publicación constitúe unha peza fundamental do programa que a Axencia Estatal da Administración Tributaria emprendeu para facilitar aos analistas e ao público en xeral, parte da información que obra en poder da Facenda Pública como consecuencia da xestión recadadora.