Estrutura e funcións
A Axencia Estatal de Administración Tributaria, con NIF Q2826000H e domiciliada en Rúa Infanta Mercedes, nº 37, 28020 Madrid creouse polo artigo 103 da Lei 31/1990, do 27 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para 1991 e constituiuse de maneira efectiva o 1 de xaneiro de 1992.
Configurouse como unha entidade de dereito público adscrita ao naquela altura Ministerio de Economía e Facenda a través da antiga Secretaría de Estado de Facenda e Orzamentos. Conta cun réxime xurídico propio distinto ao da Administración Xeral do Estado que lle confire certa autonomía en materia orzamentaria e de xestión de persoal.
Ten encomendada a aplicación efectiva do sistema tributario estatal e aduaneiro, así como daqueles recursos doutras Administracións públicas nacionais ou da Unión Europea cuxa xestión se lle encomende por lei ou por convenio.
Correspóndelle aplicar o sistema tributario de xeito que se cumpra o principio constitucional en virtude do que todos teñen que contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica. Non obstante, non ten competencias para a elaboración e aprobación de normas tributarias nin para asignar os recursos públicos entre as diversas finalidades.
A función de xestión integral do sistema tributario estatal e aduaneiro materialízase nun amplo conxunto de actividades, entre as que figuran:
- A xestión, inspección e recadación dos tributos de titularidade estatal (IRPF, sociedades, imposto sobre a renda de non residentes, IVE e impostos especiais).
- A realización de importantes funcións en relación cos ingresos das comunidades autónomas e cidades autónomas, tanto no que atinxe á xestión do imposto sobre a renda das persoas físicas, como á recadación doutros ingresos das referidas comunidades, quer por disposición legal quer mediante os correspondentes convenios de colaboración.
- A recadación de ingresos propios da Unión Europea.
- A xestión aduaneira e a represión do contrabando.
- A recadación en período voluntario das taxas do sector público estatal.
- A recadación en vía executiva de ingresos de dereito público da Administración xeral do Estado e dos organismos públicos vinculados ou dependentes dela.
- A colaboración na persecución de determinados delitos, entre os que destacan os delitos contra a Facenda Pública e os delitos de contrabando.
Ten como misión o fomento do cumprimento pola cidadanía das súas obrigas fiscais. Para iso desenvolve dúas liñas de actuación: por unha parte, a prestación de servizos de información e asistencia a calquera contribuínte para minimizar os custos indirectos asociados ao cumprimento das obrigas tributarias e, por outra banda, a detección e regularización dos incumprimentos tributarios mediante actuacións de control.
A estrutura da Axencia Estatal de Administración Tributaria encóntrase recollida na Orde PRE/3581/2007, do 10 de decembro, pola que se establecen os departamentos da Axencia Estatal de Administración Tributaria e se lles atribúen funcións e competencias Novas xanela.