Nota informativa
Modificación da declaración recapitulativa de operacións intracomunitarias. Modelo 349.
O 5 de febreiro de 2020 publicouse no BOE o Real Decreto-lei 3/2020, do 4 de febreiro, de medidas urxentes polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español diverso directivas da Unión Europea no ámbito da contratación pública en determinados sectores; de seguros privados; de plans e fondos de pensións; do ámbito tributario e de litixios fiscais. Entre as medidas aprobadas, o Real Decreto-lei 3/2020, modifica a tributación no IVE da expedición ou transporte de bens a outro Estado membro no marco dun acordo de venda de bens en consigna.
En desenvolvemento do citado Real Decreto-lei, publicouse no BOE do 29 de febreiro de 2020 a Orde HAC/174/2020, do 4 de febreiro, que modifica o modelo 349 de declaración recapitulativa de operacións intracomunitarias.
As principais modificacións introducidas polas normas anteriores no modelo 349 son as seguintes:
- Suprímese o período anual de declaración do modelo 349. En consecuencia, en 2020 só se poderá presentar o modelo 349 con periodicidade mensual ou trimestral.
- Introdúcense os cambios necesarios no modelo 349 para facer posible a declaración por parte do vendedor da expedición ou transporte de bens a outro Estado membro no marco dun acordo de venda de bens en consigna (artigo 9 bis da Lei do Imposto sobre o Valor Engadido).
Para facer posible a declaración por parte do vendedor da expedición ou transporte dos bens a outro Estado membro no marco dun acordo de venda de bens en consigna na declaración recapitulativa de operacións intracomunitarias, a Orde HAC/174/2020, do 4 de febreiro introduce tres novas claves e un novo campo (identificación do suxeito pasivo substituto).
As novas claves no modelo 349, relacionadas coas vendas de bens en consigna son as seguintes:
- R: Transferencias de bens efectuados no marco de acordos de vendas de bens en consigna.
- D: Devolucións de bens desde outro Estado membro ao que previamente foron enviados desde o TAI no marco de acordos de vendas de bens en consigna.
- C: Substitucións do empresario ou profesional destinatario dos bens expedidos ou transportados a outro Estado membro no marco de acordos de vendas de bens en consigna.
Estas novas claves e o campo de identificación do suxeito pasivo substituto, só afectarán os contribuíntes que realicen transferencias de bens no marco de acordos de vendas de bens en consigna.