Saltar ao contido principal
Memoria 2013

3.2.7. Campaña de Renda

A Axencia Tributaria intensificou os seus esforzos para facilitar o cumprimento das súas obrigas aos máis de 20 millóns de cidadáns obrigados a presentar declaración polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente ao ano 2012. Para iso, reforzou a Campaña de Renda 2013 con medios humanos para satisfacer a demanda de atención presencial cun total de 1.332 postos adicionais, así como coa serie de servizos que se sinalan a continuación.

Envío do borrador de declaración ou dos datos fiscais relevantes para a declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas

O principal servizo que a Axencia Tributaria  presta  en campaña de Renda é o envío dun borrador da  súa  declaración ou dos datos fiscais máis relevantes para confeccionar a declaración cando a Axencia non dispón de todos os datos necesarios para iso. En total, o número de borradores e datos fiscais calculados pola Axencia Tributaria acadou a cifra de 23.764.116, o que supón un 2,49 por cento máis que o ano anterior.

Gráfico volume datos fiscais e borradores

Anexo: Evolución do servizo de envío de datos fiscais e do borrador de declaración

Servizo RENØ de obtención do borrador e datos fiscais por Internet

Este ano foi o terceiro en que se presta o servizo RENØ de obtención do borrador e datos fiscais por Internet, e acadou a cifra de 14.452.813 contribuíntes que o utilizaron en 2013, o que supón un incremento con respecto ao ano pasado dun 14,39 por cento. Introducindo na Sede electrónica o NIF, nome e apelidos, un número de teléfono móbil e o recadro 620 da declaración do ano anterior, ou un código dunha conta corrente se non se presentou declaración, o sistema envía automaticamente unha mensaxe ao móbil (SMS) co número de referencia do borrador que permite consultar, modificar e confirmar o borrador.

Confirmación ou rectificación do borrador de declaración

O borrador pode ser confirmado ou rectificado polos contribuíntes por múltiples vías: teléfono, Internet, mensaxes a móbiles, caixeiros automáticos, banca electrónica ou telefónica (nas entidades que presten este servizo), e presencialmente, en Bancos, Caixas de Aforro ou Cooperativas de Crédito, nas oficinas da Axencia Tributaria e en determinadas oficinas habilitadas polas Comunidades Autónomas, Cidades con Estatuto de Autonomía e Entidades Locais.

Servizos de axuda para a confección de declaracións

Os contribuíntes que, polo tipo de rendas obtidas, non dispoñan do borrador da declaración, poderán confeccionar a súa declaración co programa PAI, dispoñible en Internet, e presentara así mesmo vía Internet, ou de forma presencial, nas oficinas da Axencia Tributaria e demais entidades colaboradoras, ou acudir ao servizo de axuda para a confección de declaracións nas oficinas da Axencia ou de calquera entidade colaboradora, como Comunidades Autónomas, Concellos, Deputacións, etc., solicitando cita previa por Internet ou por teléfono.

Como xa se sinalou anteriormente, en 2013 elaboráronse co programa informático de axuda PAI o 99,6 por cento das declaracións.

Consulta do estado de tramitación da devolución

A Administración dispón dun prazo de seis meses desde o termo do prazo de presentación das declaracións, ou desde a data da presentación se a declaración foi presentada fóra de prazo, para practicar a liquidación provisional que confirme ou rectifice o importe da devolución solicitada polo contribuínte.

A emisión de devolucións dá comezo ás 48 horas do inicio da campaña de Renda. A consulta do estado de tramitación da devolución está dispoñible na páxina web da Axencia Tributaria e no servizo telefónico automático.

En 2013, o tempo medio de tramitación da devolución na Campaña de Renda foi de 26 días.