Saltar ao contido principal
Memoria 2017

4.2.3. Campaña de Renda

A Axencia Tributaria intensificou os seus esforzos para facilitar o cumprimento das súas obrigas aos máis de 20 millóns de cidadáns obrigados a presentar declaración polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente ao ano 2016. Para iso, na Campaña de Renda desenvolvida en 2017 incrementáronse os recursos humanos e técnicos para satisfacer as demandas de asistencia e información, así como para a prestación dos servizos que se sinalan a continuación.

Renda WEB

O programa Renda WEB une, á simplicidade do antigo borrador, a xeneralidade do programa PAI, permitindo engadir calquera dato ou renda.

No ano 2017, unha vez finalizada a transición do ano 2016, en que conviviron a Renda Web e o antigo programa PAI, xa todos os declarantes por IRPF puideron utilizar a Renda WEB.

No ano 2017 (exercicio 2016), realizáronse un total de 15.054.832 declaracións a través deste programa.

Móstranse as cifras máis relevantes no gráfico seguinte:

Gráfico nº 36. Renda WEB (Anexo)

Servizo RENØ de obtención do borrador e datos fiscais por Internet

Como en anos anteriores, préstase o servizo RENØ de obtención do borrador e datos fiscais por Internet. Neste exercicio utilizárono 21.492.880 contribuíntes, o que supón, con respecto ao ano anterior, un descenso do 0,73 por cento.

Para a súa utilización, débese introducir na Sede electrónica o NIF do contribuínte, o seu primeiro apelido, o importe do recadro 440 da declaración do ano anterior ou, se é o caso, marcar o recadro que indica non habera presentado e, posteriormente, un número de teléfono móbil e o código dunha conta corrente se non se presentou declaración. Desta forma, o sistema envía automaticamente unha mensaxe ao móbil (SMS) co número de referencia do borrador e dos datos fiscais. Este número de referencia permite consultar, modificar e confirmar o borrador.

Presentación de declaracións por Internet

A partir de 2017, todas as declaracións preséntanse por Internet, acadando a cifra global as 19.728.347 declaracións.

No seguinte cadro do anexo ponse de manifesto os resultados obtidos:

Cadro nº 37. Renda 2016: Resultados obtidos (Anexo)

Consulta do estado de tramitación da devolución. VERIFICA

A Administración dispón dun prazo de seis meses desde o termo do prazo de presentación das declaracións, ou desde a data da presentación se a declaración foi presentada fóra de prazo, para practicar a liquidación provisional que confirme ou rectifice o importe da devolución solicitada polo contribuínte.

A emisión de devolucións dá comezo ás 48 horas do inicio da campaña de Renda. A consulta do estado de tramitación da devolución está dispoñible na páxina web da Axencia Tributaria e no servizo telefónico automático.

En 2017, o tempo medio de tramitación de devolucións afectadas por filtro na campaña de Renda (exercicio 2016), foi de 100 días. Este tempo reduciuse a 7 días para as devolucións non afectadas por filtro.

Na segunda quincena de xullo de 2014, a Axencia Tributaria puxo en marcha a primeira fase de implantación dun novo procedemento en liña denominado VERIFICA.

Desde entón, o devandito procedemento segue funcionando xa de maneira definitiva. No mesmo, recoméndase ao contribuínte que acceda ao seu expediente para a súa comprobación, xa que o sistema VERIFICA permite axilizar as devolucións das declaracións de IRPF pendente cando existen determinadas discrepancias.

Para acceder a VERIFICA, necesítase estar dado de alta no sistema Cl@ve PIN ou dispor de certificado electrónico, e unha vez dentro deste , mostrarase unha pantalla na que a Axencia Tributaria informa o contribuínte da existencia de incidencias na súa declaración e dunha posible minoración da súa devolución inicialmente solicitada.

Se o contribuínte segue avanzando no procedemento (que poderá interromper se prefire optar polo sistema de comprobación tradicional), concluirá coa notificación dunha proposta de liquidación coa devolución minorada.