2.5. Valoración da Axencia Tributaria polos cidadáns
Enquisas e estudos de opinión
O Instituto de Estudos Fiscais do Ministerio de Facenda levou a cabo en 2018 o estudo demoscópico “Opinións e actitudes fiscais dos españois en 2017”. Este informe realízase anualmente e tamén é coñecido como “Barómetro Fiscal”.
O estudo realízase a partir dunha mostra de tres mil cidadáns, distribuídos en cinco segmentos (empresarios, agricultores, profesionais, asalariados e inactivos), seleccionados por cotas de hábitat, xénero e idade e utilizando a técnica de entrevista persoal, con aplicación dun cuestionario estruturado.
Segundo os últimos datos publicados (referidos ao ano 2017 e anteriores), a valoración que os españois fan dos servizos que presta a Axencia Tributaria mostra unha imaxe positiva da calidade dos mesmos, acadando unha cualificación, do mesmo xeito que en anos precedentes, de 2,9 (sobre 4).
Ademais, neste estudo analízase a opinión dos cidadáns respecto dos funcionarios da Axencia Tributaria, que obteñen a consideración de bos técnicos, imparciais no desempeño do seu labor e correctos no trato persoal.
Valoración dos servizos en campaña da renda polos contribuíntes
A Axencia Tributaria mediante a “Enquisa do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2017” desenvolvida durante o ano 2018, sonda a opinión dos usuarios, sobre os servizos ofrecidos.
Os catro servizos que os usuarios consideran de maior utilidade son: o servizo de tramitación da declaración (Renda WEB); o servizo RENØ para obter o número de referencia; o servizo APP Axencia Tributaria para acceder a datos fiscais e / ou presentación da declaración; o servizo de Cl@ve PIN; e, por último, o servizo de CITA PREVIA.
Tamén sonda esta enquisa o nivel de satisfacción dos usuarios coa presentación telemática da declaración da renda 2017, mostrandose satisfeitos ou moi satisfeitos o 62,82 por cento dos contribuíntes que utilizaron este servizo.
Queixas e suxestións. Consello para a Defensa do Contribuínte
O Consello para a Defensa do Contribuínte, órgano colexiado adscrito á Secretaría de Estado de Facenda, vela pola efectividade dos dereitos dos obrigados tributarios, atendendo as queixas que se producen pola aplicación do sistema tributario que realizan os órganos do Estado e efectúa as suxestións e propostas pertinentes na forma que regulamentariamente se determina. Réxese, no referente á súa competencia, composición e funcionamento, polas súas normas específicas.
Aparece como garante dos dereitos dos cidadáns nas súas relacións tributarias, dando cabida a todos os sectores sociais relacionados co ámbito tributario, co fin de garantir un maior achegamento da Administración aos cidadáns..
A Axencia Tributaria presta apoio técnico e asistencia administrativa ao Consello, así como de formación e análise da información derivada das queixas a través da Unidade Operativa do Consello para a Defensa do Contribuínte, integrada no Servizo de Auditoría Interna e coordinada polo seu director.
En 2018 e en relación a actuacións da Axencia Tributaria presentáronse ante o Consello para a Defensa do Contribuínte un total de 7.700 queixas e suxestións (7.422 queixas e 278 suxestións), un 5,77 por cento máis que no ano anterior.
No Cadro nº 11. Queixas e suxestións. Principais rúbricas 2018 Nova xanela do Anexo, recóllense as principais rúbricas en que se agrupan os motivos das queixas e suxestións para 2018. Así mesmo, a información de detalle pode consultarse na Memoria anual do Consello para a Defensa do Contribuínte , que recolle as cifras definitivas aprobadas no Pleno do Consello.